O vindeiro mércores 13 de novembro, ás 19:00, no Centro Cultural do Concello de Porriño, presentarase o libro A sombra das árbores, de Ana Abad de Larriva, a obra gañadora do II Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, convocado polo Concello do Porriño, a Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro.
O xurado do Certame destacou que A sombra das árbores é unha proposta teatral de corpo poético onde movemento e palabra cobran especial importancia. Preséntanse como unha peza teatral aberta onde a dirección, xunto co grupo de actrices e actores, construirá desde ese non lugar un escenario simbólico poboado por un bosque de sombras que é o espazo que habitamos.
Ana Abad de Larriva é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutoranda en Comunicación na Universidade de Vigo, desenvolve a súa investigación no eido da teoría teatral e publica artigos especializados en artes escénicas en diferentes medios, compaxinando o seu labor no campo da comunicación coa creación escénica e literaria, así como coa docencia. É unha colaboradora habitual da erregueté | Revista Galega de Teatro.
- O Salón Teatro acolle o espectáculo ‘José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983’ - 16/12/2025
- O Eu.Experimento do Camões CCP en Vigo homenaxea á súa actriz Ana Sousa, recentemente falecida - 16/12/2025
- O Colectivo D’elas é galardoado co Premio do Público no 39 Certame Coreográfico de Madrid - 07/12/2025



