in

Rut Balbís recibe o Premio da Crítica Galicia de Artes Escénicas

RutBalbis |
A coreógrafa e bailarina Rut Balbís, fundadora da compañía Pisando Ovos, vén de recibir o Premio da Crítica de Galicia de Artes Escénicas, entregados hoxe en Vigo. | Foto: Iván Casal |

 

Hoxe entregáronse os XLII Premios da Crítica Galicia en Vigo e, no apartado de Artes Escénicas, a gañadora deste ano foi Rut Balbís, bailarina, coreógrafa, fundadora dunha das compañía cunha traxectoria máis sólida de Galicia, e incansable activista cultural que promoveu innumerabes proxectos en favor da presenza e dignificación da danza contemporánea no noso país.

Rut Balbís vén desenvolvendo a súa traxectoria profesional á fronte da súa propia compañía, Pisando Ovos, creada en 2005 xunto a David Loira, e dirixida por ela en solitario na actualidade. A base do seu proxecto artístico é a busca dunha linguaxe artística propia desde o traballo co corpo e o movemento a través da creación escénica contemporánea, reflectida no seu interese polo tratamento das imaxes e dos tempos lentos.

Con Pisando Ovos estreou varias montaxes como N8 OHX, No intre 1800 –que obtivo o primeiro premio do Certamen Coreográfico de Madrid 2007–, 30.000, que contou con dirección de Damián Muñoz e foi coproducida polo Centro Coreográfico Galego, Tres, Que volvan as flores, Give it a Spin ou Directo 9, entre outras.

Balbís estivo presente nalgúns dos máis destacados festivais galegos, estatais e internacionais. Licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Rut Balbís formouse en danza contemporánea con creadores como Andrés Corchero, Hisako Horikawa, Daniel Abreu e Damián Muñoz, entre outros, e realizou estudos na Coruña, Vigo e Londres.


Publicidade

En paralelo ao seu proxecto con Pisando Ovos desenvolve o seu traballo docente na Aula de Danza da Universidade de A Coruña desde 2005, ademais de colaborar con outras compañías como Matarile Teatro, Las Tricotouses, Licenciada Sotelo, Lipi Hernández, Traspediante, Iker Gómez, Chévere, Cristina Montero, Paula Pintos…

Forma parte de “The Hunter Lodge”, colectivo creado a partir do proxecto europeo Choreoroam 2012 e do Colectivo RPM.

Os Premios da Crítica Galicia convócanse desde 1978, ano en que foron creados polo Círculo Orensán Vigués. En 1992 fíxose cargo deles a Fundación Premios da Crítica Galicia. Concédense en varias modalidades: creación literaria, ensaio e pensamento, investigación, música… O xurado correspondente á modalidade de Artes Escénicas estivo composto este ano por Paula Cabaleiro –Comisaria de Arte e directora do Museo de Arte Contemporáneo Fundación Florencio de la Fuente–, Paula Quintas, –coreógrafa, fundadora da compañía de danza TrasPediante e unha das integrantes do equipo do festival Corpo(a)terra–, Bettina Kohlaas –xestora cultural e directora do Teatro Colón da Coruña–, Afonso Becerra –docente da ESAD e dramaturgo–, Neves Rodríguez–actriz e comunicadora–, Vanesa Sotelo –dramaturga e directora da erregueté– e María Armesto, como representante da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, gañadora do premio do ano pasado.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LarrivaArbores |

Presentación de ‘A sombra das árbores’, de Ana Abad de Larriva

ConcursoEirís |

Carballo acolle a final do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís