Non se pode dar por terminado o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo) ata que non se celebra a final do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. O auditorio do Pazo da Cultura acollerá hoxe domingo a final da XIX edición deste certame, que este ano supera os 360 participantes. O acto, organizado polo Concello de Carballo e a Asociación Cultural Carballo acolle a final do Telón e Aparte dentro da programación do FIOT, comezará ás 18:00.
Unha vez realizadas todas as gravacións, e previa convocatoria da A.C .Telón e Aparte a efectos de de seleccionar os finalistas do XIX Concurso Escolar Teatro Lido reuníronse o luns 4 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo o xurado deste concurso, formado por:
- ALBA BERMÚDEZ IGLESIAS, actriz profesional, co-fundadora de Galeatro e colaboradora do FIOT.
- SANTIAGO PAZOS IGLESIAS, gran afeccionado ao teatro, articulista teatral e colaborador con medios de comunicación.
- MANUEL SÁNCHEZ GARCÍA, profesor, gran afeccionado ao teatro e actor amador da Aula de Teatro Municipal de Carballo.
- MELINA REGUEIRA VARELA, xestora cultural e voluntaria do FIOT.
- FRANCISCO J. RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, locutor en representación de Radio Voz, entidade colaboradora con este concurso.
- XIANA MÁRQUEZ ANTELO, membro da organización do FIOT e traballadora do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado sen voto.
Tras escoitar os 54 grupos participantes e logo das oportunas deliberacións acordan seleccionar para a súa lectura na final do XIX Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” aos seguintes grupos:
1ª CATEGORÍA
- CPI CABO DA AREA, Daniela séntese Daniel, do grupo Reversibles
- CEIP BERGANTIÑOS, Tremoiamanía, do grupo As tremoias
- CEIP CANOSA RUS, O peixe de ouro, do grupo Os golfiños
- CPR ARTAI, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, do grupo As Teloneiras
2ª CATEGORÍA
- IES ALFREDO BRAÑAS, Bullying, do grupo Oratoria
- IES MONTE NEME, Crispín, do grupo Os teatreiros do monte Neme
- CPI CABO DA AREA, Seica choven cartos! do grupo Todo ao revés
Na final, os grupos seleccionados volverán a interpretar os seus fragmentos teatrais e tras unha nova deliberación do xurado, realizarase a entrega de premios aos gañadores. O acto estará presentado pola compañía Caxoto Contacontos, que ademais de ser o mestres de cerimonias amenizarán a final cunha sesión de contos destinada a público familiar.
A continuación terá lugar unha chocolatada para todos os participantes, que, ademais, recibirán un diploma que poderá ser recollido polos representantes de cada grupo ao finalizar o acto. A entrada é libre ata completar aforo.