in

Preestrea de ‘Eroski Paraíso’, o filme, en Cineuropa

EroskiFilme |
Este domingo 24 de novembro, a adaptación cinematográfica de Eroski Paraíso, a exitosa obra de Chévere, poderá verse en Cineuropa. A cita será ás 19:00 no Auditorio de Galicia.

 

Eroski Paraíso é un dos espectáculos máis exitosos de Chévere, así como un dos máis queridos polo público. Estreado en Muros en 2016, conta a historia de Álex, unha rapaza que estuda cine en Barcelona e quere facer a súa primeira película documental sobre o día no que se coñeceron seus pais na sala de festas O’Paraíso de Muros en 1990, xusto antes de que pechara.

Eroski Paraíso estreouse na antiga fábrica de conservas Sel de Muros en marzo de 2016. Dende a súa estrea, esta montaxe -galardoada cos Premios María Casares 2017 á mellor dirección, mellor espectáculo, mellor actriz protagonista e mellor canción orixinal- chegou a ser un dos espectáculos galegos máis vistos e con maior proxección estatal dos últimos anos. Realizou unha xira de varios anos por todo o Estado e conseguiu reunir a máis de 30.000 espectadores. O libro, editado por Kalandraka, gañou o Premio Gala do Libro Galego na categoría “Teatro”.

O filme, unha produción de Chévere e Ollo Vivo, poderá verse tamén na Culturgal, en Pontevedra, o vindeiro 30 de novembro, enmarcada na programación audiovisual da feira, antes da súa estrea en cines o 13 de decembro. A película xa tivo un primeiro pase no Festival de Cans.

Xesús Ron e Jorge Coira traballaron xuntos para trasladar á linguaxe cinematográfica unha obra que explora o tratamento da realidade no cine e no teatro e as fronteiras entre o real e o representado, entre a ficción e o documental. Unha peza que reflexiona sobre a transformación da nosa sociedade desde os anos 80 ata a actualidade, representada na metáfora da sala de festas reconvertida en supermercado.

O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski. Un feito que, cambiando os nomes, se repetiu en infinidade de lugares de España onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización se volveron espazos de consumo.

Esta é tamén unha historia de desarraigo: a historia de alguén que non parou en ningún sitio para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivese estado parada no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor.

 


Publicidade


 

Ficha artística

Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cris Iglesias, Fidel Vázquez, Luís Martínez, Ana Santos, Federico Pérez

Ficha técnica

Dirección: Jorge Coira, Xesús Ron
Guión: Chévere
Música: Xavi Font
Fotografía: Lucía Catoira, Fidel Vázquez

Sinopse

Antonio e Eva coñecéronse na discoteca Paraíso en 1989. Esa mesma noite, Eva quedou embarazada e, pasados uns meses, casaron e tiveron a Alejandra. No ano 2019 Alejandra medrou e converteuse nunha prometedora cineasta que regresa á casa para lmar un documental sobre a vida de seus pais. Pero Antonio e Eva agora están divorciados, levan anos sen verse e a vella discoteca onde se coñeceran transformouse nun supermercado Eroski.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

facultadefiloloxa |

A expresión dramática no ensino, a debate

Academia8 |

A Academia Galega de Teatro esíxelle explicacións á Xunta sobre os posibles recortes ao CDG e CCG