in

A Academia Galega de Teatro esíxelle explicacións á Xunta sobre os posibles recortes ao CDG e CCG

Academia8 |

A Academia Galega de Teatro vén de facer público un comunicado no que critica a “opacidade” e “falta de comunicación” da Consellería de Cultura, a raíz das informacións aparecidas nos últimos días sobre un posible recorte no orzamento das unidades de produción da Axencia Galega de Industrias Culturais e sobre un cambio de estatuto desta.

O pasado mércores, unha pregunta parlamentaria da deputada do BNG Olalla Rodil ao conselleiro de Cultura, desvelaba que o Proxecto de Orzamentos para 2020 que se debe debater no Parlamento reducía os fondos do CDG de 600.000 euros a 350.000 e os do CCG, de 150.000 a 50.000. O Conselleiro, Román Rodríguez, non desmentiu estas cifras e contestou anunciando un novo estatuto para Axencia Galega de Industrias Culturais, cuxa existencia era descoñecida para a maior parte do sector profesional.

Posteriormente, a Agadic desmentiu que fose haber recortes nos orzamentos do CDG e do CCG, alegando que algúns dos proxectos destas unidades se ían desenvolver ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021. Non obstante, o feito de que as partidas para o Xacobeo non estean desglosadas segue xerando dúbidas e inquedanza no sector. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia tamén fixo público un comunicado no que se lle pedían explicacións á Xunta sobre a contía dos orzamentos previstos para o ano 2020 e sobre o novo estatuto para a Agadic anunciado por Rodríguez no Parlamento

Reproducimos, a seguir, o texto íntegro do comunicado da Academia Galega de Teatro:


Publicidade

 

A Academia Galega de Teatro diante das especulacións e noticias aparecidas recentemente sobre os recortes orzamentarios para o CDG, CCG e CGAI, quere manifestar a súa repulsa por:

  1. A opacidade, a falta de comunicación e o escurantismo na toma de decisións que afectan aos organismos de xestión teatral institucionais, ao seren realizadas sen contar coas organizacións profesionais do sector teatral e cultural que se ven directamente afectadas.
  2. A falta de compromiso cultural e de recoñecemento dos valores do teatro galego na defensa da lingua e da construción cultural da nosa identidade e, polo tanto, da reafirmación de Galiza como un país de seu.
  3. A rebaixa desproporcionada dos orzamentos destinados ás unidades de produción dependentes da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) nos presupostos do próximo ano 2020. Drástica redución expresada nos orzamentos propios, que é onde deben estar reflectidas e non supostamente repartidas por orzamentos alleos e descoñecidos sen determinación de finalidade.

E polo tanto solicita da Consellería de Cultura:

  1. Que procure a forma de consensuar coas asociacións profesionais os posibles e, seguramente moi necesarios, cambios na estrutura da AGADIC ou das súas unidades de produción.
  2. Que estableza dun xeito sólido, fiable, veraz canles leais de comunicación coas asociacións do sector teatral.
  3. Que non soamente restitúa senón que amplíe significativamente as cantidades orzamentarias asignadas ás unidades de produción dependentes da AGADIC para o ano 2020, co gallo de dar pasos certeiros cara a construción dun verdadeiro Teatro Nacional Galego.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EroskiFilme |

Preestrea de ‘Eroski Paraíso’, o filme, en Cineuropa

Josi Lage

Josi Lage leva ‘Barbarie en branco e negro’ a Nova York