in

A AAAG esixe que se manteñan os orzamentos do CDG e do CCG

Neorretranca08 |
A AAAG amosa, ademais a súa perplexidade, polo anuncio no Parlamento dun novo estatuto para a Agadic que, malia as aseveracións do conselleiro Rodríguez no pleno, se elaborou de costas ado sector e obviando o tecido asociativo profesional.

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica, vén de enviar un comunicado no que manifesta, por unha banda, a súa perplexidade polo anuncio do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dun novo estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que, malia as súas aseveracións no Parlamento, foi elaborado sen consultar ao asociacionismo profesional do sector; e, pola outra, para poñer de relevo a súa máxima preocupación ante as cifras económicas que manexarían o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Galego dos Artes da Imaxe (CGAI) no ano 2020.

Neste senso, a AAAG afirma que “tal e como se desprende do proxecto de Orzamentos Xerais para o próximo exercicio que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento e segundo destacou o BNG durante o pleno de onte, o investimento real da Consellería de Cultura e Turismo no CDG pasaría dos 600.000 euros deste ano aos 350.000 euros en 2020. No caso do CCG, a cifra reduciríase de 150.000 a tan só 50.000 euros. Finalmente, o CGAI ficaría con dúas partidas de 120.000 euros e 12.000 fronte aos 150.000 e 15.000 do presente curso”.

Publicidade

A AAAG cre que se estes datos se confirman “estariamos ante un profundo baleirado dos dous centros de produción, así como da filmoteca galega, cuns acusados recortes orzamentarios cuxa lóxica respondería a un único interese: o desmantelamento”. En consecuencia, esixen que a Consellería de Cultura clarifique os orzamentos destas institucións e non rebaixe en ningún caso as partidas orzamentarias coas que contarán en 2020″.

Os recortes aos que se refire a AAAG foron denunciados onte no pleno pola deputada do BNG Olalla Rodil que, nunha pregunta parlamentaria, abordou a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo, ao respecto do proxecto de orzamentos. A resposta do titular de Cultura non resultou nin clarificadora nin tranquilizadora, xa que nin confirmou nin desmentiu nin matizou as cifras, senón que evitou manifestarse ao respecto das contas previstas para o vindeiro ano e preferiu sortear a cuestión anunciando un novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) asegurando, ao tempo, que para a súa elaboración se mantivo contactos co sector profesional.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia amosa a súa perplexidade fronte o silencio ao respecto dos recortes e diante do citado anuncio, xa que nunca se informou nin se consultou nin se lle adiantou a elaboración deste novo marco estatutario para Agadic. Ademais, aseguran “non consta que se producisen contactos desta natureza coa gran maiorías das asociacións do sector escénico, músical e audiovisual, polo que consideramos que o estatuto se levou a cabo de costas á inmensa maioría da profesión e obviando o tecido asociativo profesional”.

 

Desleixo, desdouro e irregularidades

A AAAG critica unha vez máis o desleixo e a falta de vontade coa que a Xunta de Galicia leva xestionando dende 2009 estas institucións: “No caso do Centro Dramático Galego, somos testemuñas dende fai unha década do maltrato constante e reiterado que se exerce sobre unha entidade con máis de 35 anos de historia que, tal e como denunciou esta Asociación en reiteradas ocasións, viu como temporada tras temporada reducía a súa contratación, a súa produción, as súa xiras, os seus orzamentos e a súa repercusión entre o público. Ademais, a administración non foi quen de darlles solución até o momento ás complicacións burocráticas que asfixian o normal funcionamento do CDG. E se nos referimos ao Centro Coreográfico, cómpre destacar a escasísima produción e o descrédito que foi colleitando esta unidade de produción de danza na última década, chegando a picos de desprestixio tan notorios coma o do pasado mes de xuño durante a estrea do espectáculo Maestro Rodrigo, no que o sector observou múltiples irregularidades“.

Por último, a Asociación esixe que o titular de Cultura e Turismo dea pronta e cumprida información ao sector sobre o futuro da Agadic e que clarifique as partidas económicas coas que van contar o vindeiro ano as citadas institucións, entidades que se viron constantemente minguadas os seus orzamentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As Comedias de Tiruleque |

Presentación do libro ‘As comedias de Tiruleque’ no Carballiño

salon teatro04 |

Agadic desmente agora que vaia haber recortes no CDG e no CCG