Fran Núñez dirixe esta comedia que reflexiona sobre a emigración pasada e presente e que poderá verse do 11 ao 21 de decembro na sede do CDG en Santiago, tras a súa estrea en Montevideo o pasado mes de outubro.
Limiar Teatro estrea en Galicia este xoves 12 de decembro, no Salón Teatro de Comportela, Se fosen turistas, levarían gafas de sol. A reflexión arredor da emigración, pasada e presente, é o eixo temático desta proposta de Limiar Teatro e Crémilo, que conta tamén coa implicación do CDG e da Secretaría Xeral de Emigración, das entidades portuguesas Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e Comedias do Minho, a arxentina Cía. Nacional de Fósforos de Bos Aires e a uruguaia El Mura de Montevideo.
Baixo a dirección escénica de Fran Núñez, responsable tamén da dramaturxia, e a musical de Brais Iriarte, esta comedia sobre a memoria e a desmemoria foi tomando forma ao longo de varias residencias artísticas nos devanditos países e chega agora a Galicia, tras ser exhibida en Montevideo, onde tivo lugar a estrea absoluta o pasado mes de outubro, e en Bos Aires.
Se fosen turistas, levarían gafas de sol afonda na memoria da emigración a partir das historias persoais do equipo do espectáculo, que poñen en escena Manuel Coelho, Iván e Mariano Solarich, Brais Iriarte, Fran Núñez, Luis Filipe Silva e Martina e Magdalena Fernández. As súas propias experiencias familiares supoñen en si mesmas unha celebración da vida, da supervivencia e do camiño percorrido a partir dunha trama que se inicia no momento da separación de dúas irmáns no porto de Vigo nos anos 50.
A música creada en directo mediante loops, disparadores electrónicos, pedais e procesadores, a manipulación da iluminación nas mans dos intérpretes e o uso de micromappings son, ademais, características que fan desta unha proposta escénica única e novidosa.
Función descontraída
A estadía de Se fosen turistas, levarían gafas de sol no Salón Teatro arrancará xa o mércores 11, ás 11:00, cun pase matinal que, baixo a denominación de “función descontraída”, ofrecerá unha sesión cunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia respecto do ruído e movemento na platea. Cun prezo especial de 3 euros, destínase ás persoas que buscan un ambiente máis relaxado que o dunha representación teatral ao uso, así como ás que se poidan sentir máis cómodas nesa contorna, como aquelas con déficit de atención, deficiencia intelectual, espectro autista ou deficiencias sensoriais, sociais ou de comunicación.
Tras a súa estadía na sede do Centro Dramático Galego, Se fosen turistas, levarían gafas de sol porá rumbo cara ao Teatro Rosalía Castro da Coruña, onde poderá verse o domingo 22 de decembro, ás 20.30 h.