in

Tres máscaras de teatro de Basallo e Quessada, pezas do mes do Museo Arqueolóxico de Ourense

Mascara02 |
A presentación destas pezas terá lugar o mércores 11 de decembro ás 20:00 na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense), cunha intervención a cargo de María del Pilar Núñez Sánchez.

 

Tres máscaras de Ignacio Basallo e de Xaime Quessada son as pezas escollidas polo Museo Arquelóxico de Ourense como “pezas do mes”. Unhas máscaras para unha montaxe de Valle Inclán que nunca chegarían a verse en escena.

En 1975 José Manuel Blanco Gil -director e actor da Agrupación de Teatro Independente Histrión 70-, presentábase no estudio de Xaime Quessada na rúa Lamas Carvajal para facerlle o encargo dunhas máscaras que quería empregar na nova montaxe teatral na que estaban a traballar: Retablo da Avaricia, a Luxuria e a Morte de Valle Inclán. Ese día o pintor estaba co escultor Ignacio Basallo realizando gravados e acordaron abordar a encarga de forma conxunta.


Publicidade

Cando os actores xa avanzaban na lectura e ensaios do texto topáronse co atranco da censura e a obra nunca se estreou. Quedaron as máscaras baleiras de sentido pero a súa impactante forza de forma e cor, o variado dos materiais e a mestría coa que foron creadas propicia unha exposición no Ateneo ourensán no nadal dese ano. Como queira que os autores non cobraron nada pola súa obra, acordaron que se depositaran nalgunha institución cultural. Tres delas foron entregadas no Museo Arqueolóxico por Blanco Gil, outra quedou en mans de Basallo e do resto descoñecemos o seu destino.

A estrutura das tres máscaras conservadas polo museo foi realizada por Basallo e a pintura é obra de Quessada. Están feitas con diferentes materiais (madeira, papel de periódico e cartón). Nelas os dous artistas captan a esencia da obra, “a dor, o delirio da luxuria e a avaricia, que sempre conducen á morte e nolo transmiten plasticamente”, en palabras de María Pilar Núñez, quen resalta que a traves destas tres máscaras “lembramos a súa memoria pois as tres disciplinas (pintura, escultura e teatro) se conxugaron para crear arte”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premios |

Convocados os premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

SeFosenTuristas |

Limiar Teatro estrea en Galicia ‘Se fosen turistas levarían gafas de sol’