in

Aporía e Talía ofrecen teatro e obradoiros para a cativada da man do CDG

GranTeatroPequenosCDG |
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller.

 

O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender. A través de tres animais considerados máxicos e sagrados en tres culturas (o gato en Exipto, o elefante en África e os peixes koi en Xapón), técese un nexo de unión entre a historia pasada e a presente. As funcións terán lugar o sábado 28 ás 19:00 e o domingo 29 ás 12:30 e ás 19:00.

Cada unha das representacións será a continuación do taller titulado Creando espazos escénicos, que principiará dúas horas antes e co que os participantes descubrirán distintas sensacións en función das cores, da luz, das texturas e dos volumes que se utilizan nos espectáculos.

 

Lingua para saborear

Nos mesmos horarios desenvolverase o sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro o espectáculo Lambetadas, de Talía Teatro, xunto ao obradoiro Ao revés. As texturas da luz. Dirixido por Santiago Cortegoso, Lambetadas é un espectáculo recomendado para nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena con técnicas de clown e de teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero acaban descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.


Publicidade

No taller Ao revés, cun nariz de pallaso e un xogo de teas, obxectos e palabras, as cativas e cativos vestiranse do revés xogando a ser outros. Descubrirán así como nos pode transformar o vestiario dun personaxe, incluso cando este é un obxecto inanimado. Ademais de buscar novas formas expresivas, o obradoiro céntrase na importancia do vestiario en escena, así como na manipulación de obxectos.

 

Localidades e reservas de prazas

O Centro Dramático Galego oferta 30 prazas para cada unha das seis sesións dos talleres, que serán impartidos por Elea López na sala da biblioteca do Salón Teatro. Baixo o lema común Saca a arte que levas dentro, estes obradoiros teñen por obxectivo difundir a arte escénica entre os nenos e nenas, xa que están directamente relacionados co que verán a continuación no escenario. Ao mesmo tempo, favorecen a conciliación familiar nestas datas. Os obradoiros están dirixidos especialmente para nenos e nenas a partir de cinco anos, que poden quedar neles sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por, cando menos, un adulto. A participación é gratuíta, xa que está incluída no prezo das localidades para os espectáculos, pero é imprescindible a reserva telefónica previa no teléfono 881 867 229 (operativo de luns a venres, de 9:00 a 14:00).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EsperandoAGodotAntonioSimon |

Afundación presenta a tempada para Vigo e Pontevedra

NomadesXaropeTulu |

Volven os Domingos do Principal de Pontevedra