in

“Gran Teatro para os máis pequenos” remata con ‘Lambetadas’, de Talía Teatro

lam |

Hoxe e o sábado chega á súa fin o ciclo do Centro Dramático Galego ‘Gran teatro para os máis pequenos’, que se está a desenvolver no Salón Teatro de Compostela, co espectáculo Lambetadas, de Talía Teatro’, e o taller ‘Ao revés’ que terán lugar o venres 23 o e sábado 24.

Lambetadas é un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual.

O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero han acabar descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

 

Sinopse

Unha lambetada é un doce, algo saboroso, que se come por gusto. Pero tamén é a acción de pasar a lingua buscando un efecto agradable. Partindo da dobre acepción da palabra elaboraremos un doce e gorentoso espectáculo teatral, pasando a lingua a modiño, con deleite, sobre unhas historias que nos deixarán un doce sorriso nos beizos

Dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai.


Publicidade

Hai linguas e linguas. E non hai unha igual cá outra. Iso si: cada quen lambe coa súa. Non vai lamber con outra. Porque se tes unha lingua tes que empregala. E vale para lamber calquera cousa. E para falar de calquera cousa. E en calquera situación. Porque todas as linguas valen para o mesmo. Para entenderse. Para comunicarse. Para dicir o que cada quen queira dicir. E para lamber o que cada quen queira lamber. Para lambiscar e gozar, para darse gusto.

 

Dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: María Ordóñez e Diego Rey
Escenografía e iluminación : Dani Trillo
Vestiario e maquillaxe: Martina Cambeiro
Produción: Áurea Ferreiro
Deseño gráfico: Fausto Isorna

 

Taller AO REVÉS

Venres 3 de xaneiro de 17:00 ás 19:00.
Sábado 4 de xaneiro de 10.30 a 12.30 e de 17.00 a 19.00 na Biblioteca do Salón Teatro

Idade recomendada: 5 anos

Cun nariz de pallaso e un xogo de teas, obxectos e palabras, vestirémonos do revés xogando a ser outros. Como nos pode transformar o vestiario dun personaxe? E cando o personaxe é un obxecto inanimado? Con este obradoiro ademais de buscar novas formas expresivas, poñeremos o foco na importancia do vestiario en escena así como na manipulación de obxectos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xanela do Maxín

IV edición do Festival de Títeres de Brión

Residencias Cruzadas CDG

Fran Núñez será o novo director do CDG