Pilar Pereira, unha das actrices fundamentais na historia do teatro galego moderno, vén de falecer aos 82 anos de idade.
Pilar Pereira, nada en Compostela en 1937, posúe unha das carreiras máis amplas da escena galega. Durante máis de seis décadas, a actriz desenvolveu o seu traballo en Galicia, España, Francia, Bélxica ou América Latina. Aos dez anos, estreou a súa primeira obra con adultos. Tratábase dunha adaptación de Contos de Nadal de Dickens. Cun comezo teatral precoz, Pereira comezou a súa traxectoria profesional tamén como recitadora. A poesía é unha das súas paixóns e admira dende moi nova a Rosalía. Precisamente, sobre a autora de Follas novas realizou diversos traballos, incluíndo a gravación de dous discos en galego de poesías de Rosalía, realizados en 1960 no prestixioso estudo Odeón La Voz de su Amo de Barcelona.
Pilar Pereira entrou a traballar en 1953 en EAJ4-Radio Galicia Cadena Ser de Santiago. Ao tempo, foi cultivando o exercicio escénico. Nos anos cincuenta participou en montaxes teatrais nas que se adaptaban textos contemporáneos de autores como Tennessee Williams, Samuel Beckett ou O’Neill. En 1958 formou parte do elenco de Antígona, a versión en galego traducida por Xosé Manuel Beiras, Franco Grande e Xosé Ramón Silva do texto de Jean Anouilh. A montaxe foi a primeira obra en galego do TEU de Santiago (Teatro Español Universitario) e tivo unha gran acollida. Posteriormente, participou n’ Os homes poden ser deuses, de Gallego Tato. A peza escribírase en galego, pero a censura obrigou a representala en castelán.
Nos sesenta, a actriz trasládase a Madrid. Alá volve aos escenarios con Teatro Eslava, onde comeza a traballar co director Luís Escobar. Tamén colaborou coa compañía de María Fernández D’Ocón e Mario Antolín. Nestes anos, coincidiu con directores como Fernán-Gómez ou Edwar Füller, esixente profesional que contou con Pereira na súa obra La sonata de los espectros, de August Strindberg. A súa etapa en Madrid pechouse coa súa entrada no grupo independente Los Goliardos, co que levou a escena Ceremonia por un negro asesinado, de Fernando Arrabal. O grupo viaxou coa obra a Francia e Pereira decidiu quedar en París.
Na capital francesa entra a formar parte do proxecto La Carraca, cuxo obxectivo era cubrir as necesidades culturais dos emigrantes hispanofalantes. Na súa estadía en París volve coincidir con Füller, quen conta con ela para a súa adaptación de La vida es sueño, xunto a actores como Paco Rabal. Tras o Maio do 68, trasládase a Bélxica. Alí remata os seus estudos de Psicoloxía e coñece a Jorge Bossa. Xunto con el mudarase a Colombia. En Bogotá abrirá unha gardería e traballará como directora e actriz da compañía La Teja. Xa en 1980 regresa a Madrid. Alí realiza traballos de dobraxe e participa en proxectos televisivos. Promove, ademais, a posta en escena de El placer que nos destierra, de César Vallejo. Para este proxecto contará, entre outros, con Juan Diego e co músico Paco Ibáñez.
Pouco despois recibe a chamada dende Galicia de Maximino Fernández Queizán, quen prepara Así é se vos parece, de Pirandello, para o Centro Dramático. En 1991 estréase a peza e Pereira regresa definitivamente a Galicia. Durante os anos noventa participa en diversas producións do CDG como O incerto Señor don Hamlet ou Electra. Ademais, traballa ás ordes de Vidal Bolaño en pezas como Saxo Tenor, Doentes ou Días sen gloria.
Pereira tamén creou unha compañía que levaba o seu nome. Con ela, realizou diversos espectáculos escritos por ela mesma como ¡Contrátenos, por favor! ou Un lunar vermello con pinguiñas azuis, que foi dirixido por Quico Cadaval. En 1995, escribiu e protagonizou un aplaudido monólogo titulado Ofelia, sen a virtude do pudor, dirixido primeiramente por Fernando Dacosta e, posteriormente, por Cadaval e que representou ao longo de nove anos. Outras compañías coas que traballou foron Sarabela Teatro, n’A esmorga en 1995; Compañía Marías en 1995 con A voda dos moiantes; Factoría Teatro, coa que levou a escena Tío Vania; Teatro do Atlántico, en Unha primavera para Aldara en 2008; ou Teatro do Morcego, en Kvecht.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia concedeulle o Premio de Honra Marisa Soto en 2013.