in ,

A Mostra de Cangas amplía súa 37ª edición ata os 15 días

CartazCangas2020 |
A pintora e ilustradora Luz Beloso é a creadora do cartel da XXXVII MITCFC, que se presentou onte no Auditorio Municipal. | Foto: Pro Light Estudio |

 

O venres 26 de xuño arranca a 37 edición da Mostra, que se prolongará ata o sábado 11 de xullo. Serán en total 15 días nos que veciños e visitantes poderán ver os mellores espectáculos teatrais do momento en clave cómica.

Ademais das obras no Auditorio Municipal, poderanse ver espectáculos na rúa, nas prazas, nas praias, na Capela do Hospital e noutros espazos alternativos. Teatro para todo tipo de públicos chegado de diferentes puntos do mundo que, como xa vén sendo habitual, encherá Cangas de vida e cultura.

A ampliación dos días responde á evolución lóxica da Mostra. Nos últimos anos foi medrando a oferta programada non só en calidade, senón tamén en cantidade de propostas con formatos diferentes. Por este motivo, fíxose imprescindible aumentar o número de días para dar cabida a todas as propostas, non só ás que teñen que ver coa exhibición de espectáculos, senón tamén as actividades paralelas, cursos, encontros, debates, exposicións, etc, que teñen lugar durante o festival.

 

A deusa do teatro

O cartel da XXXVII MITCFC é obra da pintora e ilustradora monfortina Luz Beloso, moi ligada ao Morrazo, onde imparte clases de Arte en centros de ensino Moaña e Cangas desde hai máis de vinte anos.

Luz Beloso amosa a súa felicidade por ter sido chamada para realizar o encargo do cartaz desta nova edición. “Foi unha honra e un privilexio facelo”, afirma, e explica que lle deron absoluta liberdade creativa para confeccionalo, “algo que, normalmente, como ilustradora, non teño porque debo cinguirme a un texto. Para min supuña unha tremenda responsabilidade”.

A ilustradora, que traballa principalmente para as editoriais Galaxia e Belagua, explica que, á hora de plantexar o traballo, “deixeime levar polas emocións”. “Impresionoume moito o texto que Celso Parada (Moaña, 22/3/1958 – 3/8/2019) escribiu para a súa despedida”, lembra Luz Beloso. Nesa despedida, Parada dicía: “Voume co inmenso pracer do traballo, o teatro como un océano…”.


Publicidade

Por iso, Parada é un dos protagonistas que aparece no cartaz. No medio dun océano. Nun barquiño de papel. Para Beloso é un xeito de reflexar a grandeza e ao mesmo tempo a humildade do traballo do actor.
A muller que aparece simboliza unha especie de “deusa do teatro”. No cartaz tamén aparecen uns “peixes-demo” xogando e ataviados con máscaras de teatro para mostrar o espírito cómico da Mostra.

 

Cangas no cartaz

Pero Luz Beloso tamén incluíu algúns pequenos detalles de Cangas do Morrazo na súa obra. Na cidade que aparece debuxada ao fondo, podemos distinguir o Reloxo da Alameda e unha esquina da fábrica de Masó.

Nos últimos anos, artistas como Pablo Giráldez “O Pastor”, Milicia Gráfica, Pancho Lapeña, Susana Rey, Diego Seixo, María Mazás ou Luís Davila contribuíron coas súas creacións a proxectar a imaxe da MITCFC, comprimindo nun cartel a información que queremos transmitir e anunciar, invitando e abrindo ao público a porta desta gran festa do teatro e o humor que é a Mostra.

 

20 aniversario de Mulleres en Acción

Este ano, as Xornadas Mulleres en Acción celebran unha data moi especial, acadando os 20 anos de traxectoria. Trátase dunha aposta única no seu momento e decidida da MITCFC a prol da paridade e denuncia das discriminacións laborais e de xénero que sofren as mulleres de calquera ámbito social. A XX edición de Mulleres en Acción contará coa participación de persoas con recoñecida traxectoria feminista, artística e profesional.

Na presentación do cartel da Mostra estiveron presentes, ademais de Luz Beloso, María Xosé Mariño, “Che”, presidenta da Asociación Cultural Xiria; María Armesto, directora artística da MITCFC; Salvador Del Río, coordinador xeral da MITCFC; Casilda Alfaro, responsable de Actividades Paralelas e Pedagóxicas; Juan José Pérez, director do Auditorio Municipal; e Estanislao Graña, representante do Concello de Cangas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DaimonDavidRodas |

Matarile volve a Galicia

VidasIntimasArtistasUnidos |

Artistas Unidos recuperan a Noël Coward no Sá de Miranda de Viana do Castelo