in

O programa de residencias do CDG acolle seis compañías en dous meses

Coproducións |
Realizarán estadías artísticas Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria.

 

O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá ata mediados de abril os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria.

Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía do CDG e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.

A primeira delas é Pérez&Fernández, que desde onte prepara a estrea de Os nenos da varíola, montaxe inserida á súa vez no programa de coproducións do Centro Dramático Galego. Xosé Leis e Victoria Pérez codirixen, ademais de interpretar xunto a Isabel Risco e Manu Fernández, esta adaptación da novela de María Solar inspirada na Expedición Balmis, que a primeiros do século XIX partiu da Coruña con 22 nenos a bordo e a misión de levar a vacina da varíola a América. A estrea terá lugar o vindeiro 28 de febreiro no Salón Teatro, onde poderá verse ata o 1 de marzo.

A continuación, será a quenda da danza con Marta Alonso, quen estará en residencia do 2 ao 4 de marzo coa súa montaxe Bailar agora. O seu obxectivo é continuar traballando arredor dunha peza a través da que a artista propón unha parada no corpo para detectar como se instala nel o paso do tempo e como se ve afectado polas experiencias, as presións sociais e o contexto.


Publicidade

 

Programa de coproducións

Como no caso de Os nenos da varíola, as catro compañías que completan o programa de residencias desta temporada contan tamén co apoio do Centro Dramático Galego en calidade de entidade coprodutora, ademais de ter prevista aquí a súa exhibición ao público tras a estadía artística. Trátase de La Quintana Teatro con O premio (en residencia do 9 ao 11 de marzo e con funcións do 12 ao 15), Cámara Negra Teatro con Clausura do amor (do 23 de marzo ao 1 de abril, con representacións do 2 ao 5 de abril), Crónica dunha heterosexual insatisfeita de Verdeveras Expresións Artísticas (do 6 ao 10 de abril e exhibición os días 18 e 19 dese mes) e Microperspectivas dun marica millennial, de Incendiaria (do 11 ao 15 de abril e funcións o 16 e 17).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FestivalGalegoCabare2020 |

O Festival Galego de Cabaré volve á Coruña

ResidenciasParaiso2020 |

O Colectivo RPM abre a convocatoria para as Residencias Paraíso 2020