in

O Colectivo RPM abre a convocatoria para as Residencias Paraíso 2020

ResidenciasParaiso2020 |
Residencias Paraíso celebra o seu cuarto ano de vida como programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes vivas contemporáneas en Galicia.

 

Este programa sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros de arte a facultades ou espazos non convencionais. Este exercicio de diálogo entre todas as partes –impulsores, coprodutores e espazos cómplices– é o que dota dunha identidade tan singular a este proxecto.

Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. É por isto que resulta fundamental abordar o concepto de residencia artística, entendendo esta como un espazo e un tempo adicado á investigación ou creación e, polo tanto, sen obrigatoriedade de elaboración dunha peza artística concluída.

Na súa cuarta edición Residencias Paraíso abre a convocatoria para acoller ata 7 proxectos en residencia cun importe total de 15.000 euros. A convocatoria está aberta ata o domingo 8 de marzo para artistas de todo o panorama nacional.

 

BASES:

ESPAZOS COLABORADORES EN 2020

  • Teatro Rosalía de Castro da Coruña
  • Pazo da Cultura de Carballo
  • Pazo da Cultura de Narón
  • Vello Cárcere de Lugo
  • Normal – Espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña
  • Igrexa Santa María da Magdalena de Ribadavia.
  • Salón Teatro / Centro Dramático Galego en Santiago.

PERSOAS DESTINATARIAS

  • Creadores/as de danza e artes vivas de creación contemporánea.
  • Con maior ou menor traxectoria.
  • Artistas con sede en Galicia e no resto do territorio estatal.
  • Terán prioridade os/as artistas residentes no territorio galego.
  • Poderán presentarse artistas seleccionados/as no programa do ano anterior, sempre e cando no sexa co mesmo proxecto seleccionado en edicións anteriores.

TEMPORALIDADE

  • As residencias ocorrerán entre xuño e setembro do 2020.
  • A duración de cada residencia será de entre dúas e tres semanas.
  • A convocatoria está aberta entre o 17 de febreiro e o 8 de marzo de 2020.
  • A selección farase pública no web do Colectivo RPM a principios de abril de 2020 trala confirmación cos/as artistas seleccionados/as.

OBRIGAS DOS/AS ARTISTAS SELECCIONADOS/AS


Publicidade

  • Presentar unha memoria explicativa da estancia cun marxe de 15 días dende o final da residencia.
  • Facer constar a imaxe do Colectivo RPM, da Axencia Galega das Industrias Culturais, da Xunta de Galicia e do propio espazo anfitrión no material de difusión do proxecto.
  • Cumprir a normativa de uso específica de cada un dos espazos onde se realice a residencia.
  • Todos/as os/as integrantes de cada proxecto seleccionado deberán estar dados/as de alta na Seguridade Social durante o período da residencia.
  • Participar do encontro anual co resto de artistas seleccionados/as nunha xornada aberta ao público o 26 de setembro de 2020 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

ENCONTRO RESIDENCIAS PARAÍSO 2019

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acollerá o día 26 de setembro de 2020 o encontro anual de Residencias Paraíso, coa participación de cada un/unha dos/as artistas residentes e dos espazos colaboradores do programa, onde compartiremos as claves de cada experiencia en residencia nunha xornada aberta ao público. Este encontro é unha oportunidade única para encontrarnos como comunidade, para reflexionar sobre temas transversais que afectan ao sector e revisar de forma conxunta o programa Paraíso.

IMPORTE

  • O importe total destinado para este programa é de 15.000 euros (impostos incluídos).
  • Cada proxecto en residencia contará cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros (impostos incluídos) en función das características de cada proxecto seleccionado (persoas involucradas no proxecto, duración da residencia, etc…)
  • O aloxamento, desprazamento e manutención corre a cargo das persoas residentes.
  • Realizarase un pagamento fraccionado do seguinte xeito:
    – Entrega da primeira factura polo 50% do importe total durante o período de residencia.
    – Entrega da segunda factura polo 50% restante tras o encontro con todos os/as participantes do 26 de setembro de 2020 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia e a entrega da memoria xustificativa do período de traballo (que deberá entregarse nos quince días posteriores ao remate da residencia).

DOCUMENTACIÓN NECESARIA

  • Formulario de inscrición online.
  • Dossier de proxecto: documento cos detalles da investigación ou proxecto a realizar, nomeando, se fose o caso, outros colaboradores ou apoios cos que conte o proxecto (máximo 5 páxinas).
  • Traxectoria das persoas involucradas no proxecto con enlaces de vídeo de proxectos anteriores (máximo 2 páxinas)
  • Programación expandida: documento explicativo das propostas de diálogo coa comunidade e o espazo anfitrión en relación ao seu proxecto de investigación ou creación.
  • Os documentos incluiranse no formulario de inscrición online por medio dun enlace de descarga (por exemplo dropbox, google drive ou calquera servidor elixido que permita a súa descarga).

CRITERIOS DE SELECCIÓN

A selección dos proxectos sera levada a cabo por unha comisión formada por tres profesionais das artes vivas do panorama local e nacional e dous artistas do Colectivo RPM.

Cómpre sinalar que en función dos proxectos presentados e da dispoñibilidade dos espazos algunhas residencias poderían quedar desertas.

A selección do espazo de residencia para cada un dos proxectos seleccionados pola comisión levarase a cabo tendo en conta as características fundamentais de cada proxecto así como a dispoñibilidade de datas do/a artista e do espazo. Aínda que non se pode garantir en todos os casos, o criterio de adxudicación tentará proporcionar tanto a tipoloxía de espazo desexado polo/a artista como o período idóneo para a estancia en residencia.

Valorarase a integridade e innovación artística da proposta, o grao de madurez e solidez do proxecto, a relación entre o proxecto e o territorio, así como as prácticas de programación expandida que poidan arroupar a estancia durante a residencia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Coproducións |

O programa de residencias do CDG acolle seis compañías en dous meses

Atlantica2020 |

O Festival Atlántica encherá Galicia de contos do 11 ao 20 de marzo