in

O Festival Atlántica encherá Galicia de contos do 11 ao 20 de marzo

Atlantica2020 |
Vinte e cinco contadores de Brasil, Colombia, Venezuela, Portugal, Palestina, Huesca, Salamanca, Zamora e Galicia protagonizarán as 54 actuacións deste ano.

 

O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 20 de marzo. A presentación tivo lugar este martes, 18 de febreiro, nunha rolda de prensa na que participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.

Na súa intervención, Mercedes Rosón salientou o labor do Festival Atlántica nestes oito anos como “encontro de voces e historias que suma a tradición oral e a cultura atlántica” e no que respecta a Santiago, amosou a súa satisfacción por acoller as galas inaugural e de clausura no Teatro Principal así como as actividades deseñadas para escolares que se desenvolverán en múltiples puntos do concello: colexios, centros sociais, aula de pediatría do hospital, Centro Xove da Almáciga e Igrexa da Universidade.

Publicidade

Pola súa banda, Xurxo Couto destacou que grazas ao Festival, “Galicia convértese nun punto de encontro do conto”. Xa que “Atlántica continúa a estender as súas redes a Galicia enteira” e ademais “pasa a auga salgada do océano e chega a Brasil, Colombia… e tamén se mete cara ao interior con presentacións de Zamora, Huesca, etc.”

 

Contos de acó e de aló

Soledad Felloza foi a responsable de pechar a rolda de prensa e aproveitou para anunciar a incorporación a última hora de Lugo ao Festival Atlántica. Na súa quenda, a directora do Festival xustificou a elección da rosa dos ventos como leitmotiv gráfico deste ano pola celebración dos 500 anos da primeira volta ao mundo. Eses ventos van traer agora a Galicia narradores de Brasil, Colombia, Venezuela, Portugal ou Palestina.

Tamén participarán narradores galegos e Felloza quixo facer fincapé na “recuperación de Santi Prego para o mundo da narración”. O recente nomeado aos premios Goya como mellor actor revelación contará xunto a Ghaleb Jaler, a quen Felloza definiu como “contador espontáneo”. Unha figura que Atlántica está a reivindicar e que describe como “esa persoa que sempre que fala está contando e que ás veces é mellor ca os profesionais”.

Grazas á unha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela vaise producir o encontro de “dúas mulleres bravas” que contarán historias do mar e da montaña: Sandra Araguas, de Huesca, e Charo Pita, unha das narradoras galegas máis experimentadas. Outra novidade deste ano é a sesión de conto, gaita e zumba do sábado 14 de marzo na Praza de Cervantes con Luís Prego e Pablo Díaz. Unha sesión pensada como unha gran festa ao aire libre, para maiores e cativos, co aliciente engadido das tapas atlánticas que prepararán os bares da zona.

Outra actividade subliñada por Felloza é a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e co seu director, Casiano Mouriño, que este ano recunca no Festival cun espectáculo baseado no clásico O gato con botas e que está creado expresamente para a ocasión.

Tampouco quixo esquecer o encontro de “tres ventos” no Teatro Principal: o venezolano Rubén Martínez, os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Ceu e o salmantino Fernando Saldaña. E unha das citas clásicas do Atlántica, a Gala Inaugural, que este ano terá como fío condutor a música de Marcelo Dobode.

 

Publicidade

Fóra de Santiago

Pero “Atlántica non é só Santiago” e o Festival tamén vai estar en “Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns”. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral cunha actuación da colombiana Carolina Rueda en Lalín e unha xornada especial na Cidade da Cultura con dúas partes: unha sesión de Ramiro Neira para público infantil e unha conferencia de Antonio Reigosa sobre os quince anos de Galicia Encantada, “un web que consultamos todos os narradores”.

Felloza anunciou que a Cornamusa de Honra deste ano vai dedicada para a editorial Galaxia, que celebra 70 anos amosando o traballo de autores e autoras galegas e que é “outra fonte da que bebemos os contadores”. E rematou a súa intervención reivindicando “a narración oral como unha arte”, salientando que é “a única arte escénica que está presente todos os días do ano nalgún lugar de Galicia”. Malia esta vitalidade, Felloza sinalou a importancia de seguir gañando novos públicos, especialmente na mocidade.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ResidenciasParaiso2020 |

O Colectivo RPM abre a convocatoria para as Residencias Paraíso 2020

Xesús Pisón

A ADE publica ‘Velenos’, de Xesús Pisón, en versión bilingüe