in

‘Eroski Paraíso’ e ‘Manoliño Nguema’, premiados nos Mestre Mateo

M1A2250 |
Dous premios para a adaptación de Eroski Paraíso, de Chévere, e un para o documental sobre Marcelo Ndong, “o pai do teatro de Guinea Ecuatorial”, foron as achegas do teatro a uns Mestre Mateo liderados por O que arde, a terceira película de Oliver Laxe.

 

Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo levaron os premios a Mellor Actor e Mellor Actriz protagonista na Gala dos Premios Mestre Mateo. Ambos levaron os galardóns dos premios cinematográficos polos seus papeis na versión cinematogrñafica de Eroski-Paraíso, a obra de Chévere dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron.

Ademais, Manoliño Nguema, de Filmika Galaica, dirixida por Antonio Grunfeld, gañou o Premio ao Mellor Documental. O filme relata a vida de Marcelo Ndong, o artista que viaxou a Galicia en 1968 grazas a unha bolsa de estudos que lle permitiu formarse no Circo dos Muchachos de Bemposta e que acabou creando a primeira escola de circo de Guinea Ecuatorial e converténdose no “pai do teatro de Guinea Ecuatorial”.

Xan Cejudo obtivo, a título póstumo, o premio ao Mellor Actor Secundario polo seu papel en Quen a ferro mata.

 

A longametraxe de Oliver Laxe, O que arde, foi a gran vencedora da XVIII gala dos premios Mestre Mateo, que tivo lugar na noite do sábado, facéndose con seis galardóns de doce categorías nas que optaba a premio, entre eles as de mellor longametraxe e mellor dirección. Os premios tamén recoñeceron a dirección de arte de Samuel Lema e Curru Garabal, o traballo na dirección de fotografía de Mauro Herce, na montaxe de Cristóbal Fernández e no son de David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto.


Publicidade

Hierro, a serie de Portocabo, Movistar +, Arte France e Atlantique Productions, obtivo catro galardóns, como mellor serie de televisión, mellor dirección de produción para Ana Míguez, mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela, e mellor música orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font.

Quen a ferro mata, que partía como favorita con quince candidaturas, só obtivo tres premios: ademais do xa mencionada galardón a Mellor Actor Secundario para Xan Cejudo, tamén conseguiu o de Mellor Actriz Secundaria para María Vázquez e Mellor Maquillaxe para Susana Veira e Beatriz Antelo.

O traballo de María Fandiño en Lobos e Cordeiros acadou o premio á Mellor Vestiario, mentres que Lucía Regueiro obtivo o premio de Mellor Comunicadora polo seu traballo en Bamboleo.

Ademais de premiar a excelencia dos profesionais e producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey, que este ano foi para o proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José Maria Rodríguez Armada, Chema.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Atlantica2020 |

Os contos de lobos das Bífidas quentan motores para o Festival Atlántica

VidaYMateriaLera |

Vida y materia / Entreactos / Poemas lentos