A compañía Incendiaria estrea este sábado 14 de marzo ás 21:00, no Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo o espectáculo Microspectivas dun marica millennial. Davide González protagoniza esta peza unipersoal creada en co-produción co Centro Dramático Galego que afonda na memoria desde a música ao vivo e as artes do movemento.
Microspectivas dun marica millennial é unha proposta íntima e cargada de poesía coa que cuestionar certezas impostas que predestinan a construción da identidade. Apostando por atender o detalle para pensar o global, MMM propón un espazo de transo no que redescubrir as raíces, revisar a historia e refundar o presente.
“Microspectivas dun marica millennial xorde da necesidade de atopar as accións, os movementos e a música que ferven na memoria máis física da miña infancia marica”, sinala González. “De igual modo, a crecente (re)aparición e a aparente (re)afirmación social de ideoloxías que atentan contra a vida e os dereitos das persoas LGTBIQA+ foron o detonante para emprender esta reflexión sobre a infancia e a miña construción como creadora en Galicia”.
O proxecto, enmarcado dentro da liña de co-producións do Centro Dramático Galego, xestouse tamén no marco das III Residencias Paraíso que cada ano convoca o colectivo RPM. Microspectivas dun marica millennial é segundo espectáculo de Incendiaria, unha plataforma artística nacida en 2014 e composta por Davide González e Vanesa Sotelo e que fundamenta o seu traballo na investigación e na creación escénica contemporánea. Vanesa Sotelo dirixe esta peza baseada nunha idea orixinal de Davide González, con música do propio intérprete e coa iluminación de Laura Iturralde e o espazo escénico de Carlos Alonso.
Davide González
Actor, músico, compositor e director de escena, ten traballado con compañías como Baobab, Galeatro, Redrum, Ibuprofeno ou o Centro Dramático Galego. Na liña do audiovisiual destaca a súa composición musical para curtametraxes, videocreación e videodanza.
Vanesa Sotelo
Dramaturga, actriz e directora teatral, actualmente combina o seu traballo creativo na compañía Incendiaria coa faceta como pedagoga en diferentes entidades de Galicia e Portugal. Vanesa Sotelo é a directora da erregueté – Revista Galega de Teatro.
Laura Iturralde
Escenógrafa, iluminadora e videojockey, é unha das creadoras más destacadas do panorama actual. En 2018 gaña o Premio María Casares á mellor escenografía xunto a Montse Piñeiro polo seu traballo en Resaca e en 2019 á mellor iluminación por Invisibles, de Redrum. Nos últimos anos traballa en diferentes compañías como Pálido Domingo, Cia. Borja Fernández, A Panadaría, Ainé Producións ou A quinta do cuadrante.
Carlos Alonso
Escenógrafo, figurinista, deseñador de vestiario e activista teatral de formación autodidacta. Gañador de once premios María Casares na modalidade de escenografía e vestiario, ten traballado coas principais compañías do panorama teatral galego, colaborando en 100 espectáculos profesionais tanto en grupos independentes como no Centro Dramático Galego.