Ferrol
O Festival Atlántica volve encher de contos Ferrol este ano con media ducia de funcións gratuítas grazas á colaboración da Deputación da Coruña e do Concello da vila. Os narradores Sandra Araguas, Fernando Saldaña, José Luis Gutiérrez ‘Guti’, Aline Cântia e Chicó do Céu van protagonizar as funcións para nenos e maiores programadas entre os días 12 e 14 de marzo. Todos as sesións son de balde e os interesados poderán retirar as entradas no despacho de billetes do Teatro Jofre para as actuacións do Torrente Ballester ou no primeiro andar da Biblioteca cando se celebren nas súas dependencias.
As actividades comezarán hoxe xoves 12 de marzo con dúas funcións protagonizadas pola oscense Sandra Araguas. Este programa duplo arrincará ás 18:00 con Contos sorprendentes na Biblioteca Municipal. Nesta función, concibida para nenos de entre 3 e 8 anos, a artista vai intentar arrincar o riso e a gargallada a través de historias tolas e xocosas onde pode acontecer calquera cousa.
Un pouco máis tarde, ás 20:30, Araguas recuncará con Contos tradicionais dos Pireneos, un espectáculo dirixido ao público adulto. A cita será no Centro Cultural Torrente Ballester, onde os maiores poderán gozar do profundo coñecemento da tradición oral aragonesa que posúe esta contadora.
Venres 13 de marzo
No que respecta ao venres, 13 de marzo, será Fernando Saldaña quen desenvolva un novo programa dobre. A xornada comezará ás 18:00 co espectáculo O tren, concibido para bebés entre 6 meses e 3 anos, na Biblioteca Municipal.
Xa á tardiña, ás 20:30, o salmantino ofrecerá a función De onte a hoxe, para público adulto, no Centro Cultural Torrente Ballester. Este espectáculo é unha mostra das palabras que acompañaron a Saldaña nos seus 30 anos de experiencia como narrador. É unha escolma do mellor de moitas das narracións que adoita levar aos escenarios.
Sábado 14 de marzo
En canto ao sábado, ese día os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Céu van brindar unha función de Contos de lá nos cantos de cá no Centro Cultural Torrente Ballester, a partir das 12:00. Todas as historias desta obra para público infantil e familiar acontecen nunha inmensa árbore baixo a cal un avó de Minas Gerais se detén para descansar. Alí, sentado nun tronco, comeza a contar contos: o da árbore xenerosa ou o dun par de zapatos namorados. Narra contos que viñeron de lonxe, contados por camiñantes que chegaban alí traendo historias do mundo: dunha princesa medorenta, dun neno que danzaba coas abellas ou dunha árbore de froita amarela, da orixe das estrelas ou do amor entre Godofredo e Estela. Contos que convidan o espectador a silenciar os ruídos externos e a entrar no tempo do ‘había unha vez…’.
O sábado pola noite, a partir das 21:00, o peche do programa de actividades do Festival Atlántica en Ferrol estará protagonizado por José Luis Gutiérrez ‘Guti’. Este narrador zamorano vai levar ata o Centro Cultural Torrente Ballester o seu espectáculo Historias de filandar. Neste espectáculo o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria
Teo
Os contos do Festival Atlántica regresan este ano a Teo por mor da colaboración coa a Deputación da Coruña e co Concello de Teo. Desta volta, o dúo formado por Aline Cântia e Chicó do Céu e a oscense Sandra Araguas van actuar os días 12 e 14 de marzo, respectivamente, en dúas actividades gratuítas.
A primeira delas vai ser o xoves, 12 de marzo, e consistirá nunha función exclusiva de Aline Cântia e Chicó do Céu para o alumnado do IES de Cacheiras. Baixo o título de Notas breves dunha saudade, os estudantes deste centro, que ten unha sección de lingua portuguesa, van ter a oportunidade de se achegaren á tradición oral lusófona de Brasil.
Sábado 14 de marzo
No relativo ao sábado, Sandra Araguas levará os seus Contos sorprendentes ata a Biblioteca Pública Municipal do Grilo, a partir das 18 horas, e terá entrada de balde ata completar aforo. Nesta función, concibida para nenos de entre 3 e 8 anos, Araguas vai intentar arrincar o riso e a gargallada a través de historias tolas e xocosas onde pode acontecer calquera cousa.
Citas co público escolar
Cómpre subliñar que, a maiores, hai programadas outras catro funcións no concello de Teo que se desenvolverán en exclusiva para o alumnado do CEIP Plurilingüe Os Tilos. Deste xeito, Teo acollerá ao longo do Festival Atlántica un total de seis espectáculos dirixidos ao público escolar.
Ourense
As historias da galega Olga Abad e do salmantino Fernando Saldaña teñen unha cita cos máis pequechos na Biblioteca Pública de Ourense os días 12 e 14 de marzo, respectivamente. Aínda que ambas as dúas actividades son gratuítas, cómpre inscribirse previamente ben en persoa ou ben chamando aos teléfonos 988788385 ou 988788386.
A primeira sesión será este xoves e estará a cargo de Olga Abad. A partir das 18 horas, a artista vai facer as delicias dos bebés entre seis meses e tres anos co espectáculo O soño do rato, protagonizado polas fazañas de César, un ratiño que terá que superar os seus medos para cumprir o seu gran soño de viaxar. Neste espectáculo mestúranse a narración oral cos monicreques e as sombras chinesas.
Cita do sábado
O sábado 16, ás 12:00, o narrador Fernando Saldaña brindará unha función de Robinsón e o seu loro, un espectáculo onde se narra a historia dun mariñeiro que se enfronta a unha terrible treboada que o fai afundir. Logo do naufraxio chega a unha illa na que atopa un loro que o axudará a volver á casa. A actividade, de entrada gratuíta ata completar o aforo, está recomendada para nenos entre 3 e oito anos.
Os artistas
Sandra Araguas licenciouse en Humanidades, especialidade en Lingua e cultura española. É contista profesional, escritora, editora, investigadora de tradición oral e guide-interprète national française. Conta en bibliotecas, escolas, institutos, campañas de animación á lectura, obradoiros de oralidade, feiras do libro, semanas culturais, festivais e actos variados difundindo a tradición oral aragonesa. Tamén participa en encontros e festivais como ‘La casa de los títeres’ de Abizanda, o Festival Pirineos Sur, Huesca es un cuento, o Festival Langarte, Güestival de Larrés, o Programa Provincia Inquieta de Cáceres… e sobre todo en vilas, nas súas rúas, preto da xente.
O salmantino Fernando Saldaña é, ante todo, e sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Saldaña ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos… Pero o que máis lle gusta é contar historias. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario.
A contadora Aline Cântia e o músico e compositor Chicó do Céu traballan xuntos dende hai dez anos en investigacións, proxectos e camiños compartidos. No 2011 fundaron o Instituto Cultural Abrapalavra, que xa gañou quince premios por diferentes traballos ligados á tradición. O Instituto traballa na produción de traballos que dialogan con recollidas de tradición oral, estudos independentes, creación de grupos de narradores de historias e actividades de formación artístico-cultural. Co obxectivo de descentralizar e democratizar o traballo artístico, o Instituto adoita realizar accións nacionais e locais, de carácter continuo ou permanente.
Pola súa banda, José Luis Gutiérrez ‘Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Todos os contos e romances que usa recolleunos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte de anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Procura conservar o carácter dialectal de cada narración e mais a atmosfera que envolvía o narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. ‘Guti’ traballa principalmente na contorna rural procurando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.
A galega Olga Abad é narradora oral e escritora. Aprendeu a contar contos grazas a paixón da súa familia polas historias e tamén grazas ó seu paso pola cidade de Santiago de Compostela e o seu contacto con artistas da escena galega. Nesta cidade estudou técnicas de escultura e teatro entre os anos 2006 e 2010. Logo de rematar os seus estudos, traballou en varias compañías teatrais como actriz, directora e dramaturga. No ano 2019 publicou as novelas tituladas “Proyecto escritor” e “Futuribles”. Conta contos dende o ano 2009.