Actriz, directora e dramaturga, Noemi Rodríguez é –xunto a Andrea Jiménez– fundadora e motor creativo da compañía Teatro en Vilo. Habituais das táboas estatais e internacionais, Teatro en Vilo acadou, entre outros, o Premio ‘Ojo Crítico’ de Teatro 2019. Esta temporada estrearon no Centro Dramático Nacional a súa nova peza, Man Up, candidata a mellor espectáculo e autoría nos Premios Max 2020.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Agora mesmo varios: Un apartamento en Urano de Paul B. Preciado, Las madres no de Katixa Agirre, Lectura Fácil de Cristina Morales e Ways of Seeing de John Berger.
A túa banda sonora destes días.
Para concentrarme sempre escoito a Philip Glass. Para animarme poño a Luis Miguel porque me encanta imitalo diante do espello. Imitar a señores que se senten guapos, en xeral, sempre me pon de moi bo humor. E, para pórme en modo nostalxia, escoito a Dinah Washington ou Nancy Sinatra. Tamén poño moito a Ornella Vanoni, Mina e Fred Buscaglione.
O último filme que te impresionou.
Encántanme as americanadas e os filmes sobre asasinatos e gánsteres. Son como unha droga para min. Esta semana volvín ver tres clásicos: Fargo, dos irmáns Coen, e Reservoir Dogs e Pulp Fiction de Quentin Tarantino. Puxéronme de excelente humor.
A obra de arte na que te perderías agora.
En calquera dos autorretratos de Cindy Sherman.
A peza que che gustaría crear.
Fago un pacto co diaño para asinar calquera cousa que quixesen escribir ou interpretar Briony Kimmings, Phoebe Waller-Bridge ou Kate Tempest.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Con Susan Sontag. Aínda que, en vez dunha caña, tería que tomarme tres gin-tonics porque me sentiría totalmente intimidada e cohibida pola súa intelixencia brillante e pola lingua afiada que tiña. Tamén me gustaría tomar algo con James Baldwin.
Se non foses teatreira, serías…
Rexentaría un hotel pequeno e bonitiño na Toscana, coas trabes á vista, frescos nas paredes e alfombras de Tánxer.