Cuarto e metade de deseñador de vestiario, medio quilo de caracterizador, outro medio quilo de docente, un bo puñado de xastre, unha cunquiña de escenógrafo e un anaco de artista da pista. Coas súas mans, Carlos Pinilla confeccionou as prendas para Todo sobre Eva de Gravidade 0.0 ou, recentemente, as de Despois das Ondas de ButacaZero. Por este traballo, está nomeado a mellor maquillaxe e mellor vestiario nos Premios María Casares deste ano.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
La modista de la reina de Catherine Guennec. Narra a historia de Rose Bertin, modista da raíña María Antonieta, e como tivo que reinterpretarse despois da Revolución Francesa. Moi adecuado nestes días.
A túa banda sonora destes días.
Desgraciadamente, Resistiré do Dúo Dinámico e Sobreviviré de Mónica Naranjo…
O último filme que te impresionou.
Síntoo moito, pero no meu búnker estou en modo apocalíptico: 28 Days Later de Danny Boyle e Contagion (Contaxio) de Steven Soderbergh. Se sodes un pouco hipocondríacos, non as vexades.
A obra de arte na que te perderías agora.
Agora e sempre: Las meninas de Velázquez, teño fascinación desde pequeno. Se puidese viaxar no tempo encantaríame percorrer toda a escena. Que fan? Que hai no cadro? Camiñar por diante e por detrás…
A peza que che gustaría dar forma.
As criadas de Jean Genet. Ten infinitas posibilidades con ese xogo do roles e xéneros, a decadencia dos personaxes, o travestismo ao longo da peza…. Paréceme un marabilloso punto de partida para crear.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Despois do ler o libro de Guennec, tomaría unha botella de champaña con María Antonieta e, se puidese ser, faríamos unha vídeochamada a Isabel I de Inglaterra; moi afeccionadas as dúas á teatralidade. A verdade é que o minimalismo non vai comigo.
Se non foses deseñador de vestiario, serías…
Actor (e viceversa).