in

Xabier Deive, presidente da AAAG: “Garantir a supervivencia do sector nunha situación de parálise total conséguese con liquidez”

Deive1 |
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica, , vén de colaborar –como asociación federada en ConArte– no documento dirixido ao Ministerio de Cultura con 52 medidas extraordinarias para afrontar a crise derivada da pandemia de Covid-19. Igualmente, participaron na reunión que asociacións profesionais do sector cultural tiveron co Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Xabier Deive, en nome da xunta directiva da asociación, coa que consensuou as respostas, contestou por e-mail as preguntas da erregueté sobre as medidas de apoio que lles solicitan ás administracións para sobrevivir á crise da Covid-19. | Manuel Xestoso |

 

Que pasos está a seguir a AAAG para enfrontar a crise resultante da pandemia?

A AAAG forma parte de ConArte, confederación de asociacións sindicais de todo estado na que tamén están presentes a Associació d’Actors i Directors Professionals de Catalunya (AADPC), a Asociación de Profesionales de la Danza en la Comunidad de Madrid (APDCM), a Associació de Professionals de la Dansa C. Valenciana (APDCV), a Unión de Actores y Actrices de la Región de Murcia (UARM), a Associació d’Actors i d’Actrius Professionals de les Illes Balears (AAAPIB) e a Unión de Actores de Canarias (UAC). Estamos a manter contactos e intercambiando información, impresións e datos e, como confederación, formamos parte do desenvolvemento do documento coas 52 medidas extraordinarias para afrontar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19 no Sector das Artes Escénicas a Música. En total, máis de 30 asociacións e confederacións da música e das artes escénicas colaboraron neste documento no que se recollen propostas que van dende a materia impositiva até o fomento da cultura, pasando polos marcos de subvencións ou polas relacións laborais. Por outra banda, dende ConArte -e xunto a Unión de Actores y Actrices e os sindicatos maioritarios UGT e CCOO, remitimos unha serie de demandas no eido laboral aos ministerios de Trabajo e o de Seguridad Social.

As asociacións de todo o Estado fixeron chegar ao Ministerio ese documento con 52 medidas extraordinarias para minorar o impacto da crise provocada pola Covid-19. Que valoración fan da resposta do Ministerio?

Que o ministro saia en rolda de prensa por primeira vez dende a declaración do estado de alarma a confesar que o seu Ministerio non está a facer nada nin fará nada coa situación que vive o sector pois, a verdade, enche de estupor, perplexidade, rabia, indignación e puro asombro. A AAAG, xunto ao resto de entidades que conforman ConArte, cuxo presidente mantivo unha videoconferencia co ministro a mesma mañá do día da comparecencia do ministro, enviou ao día seguinte un comunicado conxunto a nivel estatal para manifestar todas estas sensacións e censurar a actitude do titular da carteira, que ademais de afirmar un lote de vaguidades na súa intervención, remarcou unha serie de evidencias que ninguén pon en dúbida. Ninguén pon en dúbida que a prioridade é vencer con éxito esta pandemia. O que si cuestionamos é a capacidade deste ministro de asumir as súas responsabilidades e de atender (ou entender) este sector.

E atender o sector non é realizar videoconferencias e despois ignorar un paquete de propostas e medidas tan amplo coma o que presentamos dende máis de 30 asociacións das artes vivas. O sector amosou unha unidade e unha entrega impresionante, desenvolvendo un frutífero traballo de colaboración plasmado nesa folla de ruta que trazan as 52 medidas extraordinarias. Non obstante, o ministro sae en rolda de prensa a falar de que non hai medidas específicas e cita a Orson Welles? Francamente, a decepción e a incerteza aumentan. E se contrastamos con medidas tomadas ou anunciadas polos ministerios de cultura de países como, por exemplo, Francia… Pois xa non se pode poñer nome á tamaña decepción nosa. Agora toca ver como se reconduce a situación do Ministerio, despois do anuncio de que habería nova xuntanza este venres co sector nas que participarían a Ministra de Facenda.

Cales son as primeiras medidas de urxencia que se deberían tomar para amortecer o impacto desta crise?

As primeiras medidas de urxencia que se deben tomar son todas aquelas que aseguren o dereito ao acceso á prestación e a axudas a traballadoras e traballadores. É dicir, garantir a supervivencia e que se cumpra o tan repetido lema de que “ninguén quede atrás”. Agora ben, hai que axustar as normas xerais ás particularidades do sector. Porque, como todos os sectores, o sector cultural ten determinados trazos característicos e non comparables con outros ámbitos laborais. Por outra banda, o tecido empresarial no caso das artes escénicas debe contar con liquidez, polo que se debe garantir e esixir a execución de orzamentos previstos das artes escénicas, a flexibilización de trámites e prazos para as xustificacións de subvencións, e no caso da suspensión de funcións, ademais de intentar reprogramalas dentro do posible, cómpre pagar adiantos ás compañías. En definitiva, é garantir a supervivencia do sector nunha situación de parálise total, de forza maior e iso conséguese con seguranza, con liquidez, con protección. Estas son cuestións que se trasladan ás diferentes administracións ou nas reunións telemáticas que se manteñen dende as asociacións con representantes políticos.

A redución do IVE cultural, unha vella reivindicación do sector e que é competencia do Estado, nin sequera foi mencionada. Como cren que debe reaccionar a profesión?

A redución do IVE cultural é unha reivindicación que hoxe máis que nunca está moi presente e, por suposto, está recollida no documento presentado ao Ministerio. É necesario abordala de inmediato para enfrontar a crise na que xa estamos inmersos. Pero como ben dis, o ministro nin o mencionou. Pero é que non mencionou nada. O sector como está reaccionando? Poñendo en evidencia o desleixo de funcións de Rodríguez Uribes, enormemente preocupante. Nestes días, manifestáronse na mesma liña que ConArte diferentes asociacións do estado que cuestionan a capacidade deste ministro. Ou que piden directamente o seu cesamento.

As asociacións profesionais están facendo moito fincapé en que os pasos que se están a dar en material laboral para adaptarse a situación actual de emerxencia amosan unha insuficiente adaptación ás singularidades do sector das artes ao vivo. Poderían aclarar en que sentido as medidas xerais non se adaptan ás necesidades dos profesionais das artes escénicas?

É unha cuestión de particularidades e características propias, si. A ninguén lle escapa nin cuestiona que o traballo no campo ten os seus marcos. Ou os empregos do turismo, que se verán enormemente afectados por todo o que está a pasar. Ninguén cuestiona que cada sector ten particularidades moi claras que determinan o desenvolvemento laboral e debemos gañar, como sociedade, unha perspectiva necesaria ao respecto do que significa ser artista: é formar parte dun sector laboral. Así de simple.

E que particularidades temos como sector laboral? Para comezar, no caso das artes vivas, podemos dicir que fomos o primeiro sector que pechou pola crise da Covid-19 e todo apunta que será dos últimos en reabrir. Ademais, podemos intuír que nesa chamada “desescalada” a normalidade en escenarios, concentracións de públicos, concertos, actuacións en recintos pechados ou abertos non vai ser exactamente a mesma. Nin moito menos. É dicir, hai un grao de incerteza evidente para un sector cultural que tamén é un sector económico e laboral no que traballan miles de persoas en todo o estado. Por outra banda, xa en tempos de normalidade, sobre o sector das artes escénicas e do audiovisual, hai que ter en conta que o seu funcionamento laboral está caracterizado pola intermitencia na actividade ou pola estacionalidade. Ademais, hai que ter presentes informes dos últimos anos, como o desenvolvido por AISGE en 2016 sobre o audiovisual, que amosan a enorme vulnerabilidade no traballo.


Publicidade

Fíxose algunha estimación das perdas producidas ata o de agora en Galicia?

Dende a AAAG, andamos a facer unha enquisa ao noso corpo asociativo para coñecer, principalmente, as situacións laborais que máis se repiten e, coma sempre, ofrecendo o noso asesoramento. As estimacións que se poidan ir facendo quedan desactualizadas día a día e a, francamente, realidade é moi clara neste sentido e moi fácil de ver: non hai rodaxes, non hai funcións de teatro, non hai concertos. As artes vivas e o audiovisual son sectores golpeados por completo. Frearon en seco.

Cales son as principais ameazas que enfrontan actores e actrices ante a pandemia?

Aínda que sexa reincidir nalgunhas ideas, está claro que o noso sector foi dos primeiros en pechar e será dos últimos en reabrir. E pódese intuír que a reactivación laboral e económica do noso sector vai distar moito da normalidade. Polo tanto, unha das principais ameazas dende o punto de vista laboral e económico é unha vella coñecida de calquera de nós: a pura incerteza. Pero unha incerteza coma nunca antes puidemos nin imaxinar. Por outra banda, as ameazas de moitos traballos e funcións que ficaron suspendidas e que poden resultar complicado, se non hai un compromiso firme e unha seguridade legal, recuperalas ou resitualas nun calendario. Por iso é tan importante que as administracións -falamos de estatais, autonómicas, provinciais e locais- se comprometan a non cancelar, que se comprometan a reprogramar e tamén a pagar, xa sexa en forma de adianto ou de indemnización, as funcións suspendidas. Repetimos, é necesaria a liquidez, unha liquidez que repercuta nas empresas e nas persoas traballadoras. É cuestión de supervivencia. Despois, as particularidades deste sector laboral, nunca ben axustado á normativa xeral, colócannos nunha situación de desprotección clara. Por iso que un ministro de Cultura diga que non se van tomar medidas específicas resulta tan enormemente preocupante.

En que condicións debería facilitarse o acceso ao subsidio de desemprego a actores e actrices?

Remitímonos ao documento asinado xunto aos sindicatos que se consensuou no sector a nivel estatal. Neste documento, apúntanse diferentes cuestións referentes a unha cobertura especial para artistas durante o período de peche. Por exemplo, o recoñecemento do dereito de acceso á prestación por desemprego con independencia das medidas adoptadas polo seu empregador, no caso de quen tivese empregador nese preciso momento. É dicir, cómpre cubrir a todo aquel que fose despedido en lugar de ser incluído nun ERTE e, por suposto, hai que protexer a quen non estivese de alta nese preciso momento, pero poida acreditar que o estaría proximamente, pero cuxas actuacións foron canceladas ou adiadas por mor desta situación de forza maior. Outra medida proposta é recoñecer o acceso ao subsidio por desemprego para aquelas persoas que acrediten, cando menos, a realización de 20 actuacións no último ano ou que acrediten unha cotización en prazo nos últimos 6 anos dende a última solicitude dalgunha prestación de desemprego. Tamén se propón que se estableza no SEPE un sistema de atención única para as persoas traballadoras da cultura, con persoal específico con coñecemento no ramo, que xa non é moi habitual atopar en situacións normais. Son algunhas das propostas que poden garantir unha cuestión para quen traballa neste sector e que están a repetir constantemente os políticos: que ninguén quede atrás. Se non se toman medidas de cobertura para o sector da cultura, non é que poidamos correr o risco de quedar atrás; é que nos están a abandonar.

E cal está sendo a resposta da Consellería de Cultura ante as peticións do sector?

Polo que vemos e falamos con seus responsables, a Consellería atópase nun momento de recadar informacións en diversos contactos mantidos con asociacións de todos os sectores culturais, de meditar e estudar diferentes escenarios. Entendemos que precisan tempo para crear un plan ben fiado, dado o insólito, incerto e o abrumador que resulta todo o que se está a vivir. Nós, de momento, podemos dicir que amosan escoita, que amosan comprensión. Unha escoita e comprensión que, segundo nos trasladou o Conselleiro se traducirán nun plan especial que será presentado a finais deste mes. Agardemos que desta volta dende a administración Autonómica nos acheguen medidas reais, palpables e necesarias.

Cal é a postura da AAAG ante as declaracións da Consellería de que se reforzará a orientación do Xacobeo 2021 como ferramenta de recuperación económica e produtiva do tecido propio? Existe o risco de que eses fondos se dirixan principalmente ao turismo?

A AAAG cre que o Xacobeo 21 hai que reorientalo por completo e a Consellería transmitiunos que o teñen presente. A realidade que vivimos faino obrigatorio. E si, a verdade, teñen un esforzo inxente que facer para reorientar o que significa para esta Xunta de Galicia o Xacobeo e o Camiño de Santiago. E repetimos o que din como mantra os políticos: ninguén pode quedar atrás. O turismo? Non. A cultura? Tampouco.

Existe algún compromiso de execución do gasto consignado por parte da Xunta de Galicia? E de axilizar o pagamento das subvencións?

Para ter ben claro os compromisos que hai ou deixa de haber por parte dunha administración, está ben que as administracións o anuncien publicamente en roldas de prensa, entrevistas, en intervencións parlamentarias -malia que o Parlamento estea disolto-, en proxectos por escrito ou en plans/programas que presenten. A Xunta, a través dunha nota de prensa, di que están a traballar nunha serie de medidas. Esa idea, dun plan para a cultura, foi trasladada as entidades do sector na videoconferencia. Mais, en calquera caso, se cadra estas preguntas estarían mellor dirixidas á Consellería. Porque ao cabo, as impresións e palabras que poden saír dunha xuntanza virtual cun ministro, por exemplo, non se corresponde co que despois diga publicamente ese mesmo ministro, como despois quedou claro. Nós agardamos sempre que os compromisos que se din en xuntanzas se materialicen despois de forma pública. É unha boa forma de curar incertezas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Carlos Pinilla

No confín de… Carlos Pinilla

Paula Quintas

No confín de… Paula Quintas