in

O Ministro de Cultura decepciona ao non ofrecer ningunha medida concreta para o sector

Uribes01 |
Na primeira comparecencia do ministro dende que comezou a crise non se anunciou ningunha medida específica para superar os efectos da pandemia. | M. X. |

 

Vinte e catro días despois de que se decretase o estado de alarma, o Ministro de Cultura, Jose Manuel Rodríguez Uribes, compareceu por primeira vez diante dos medios sen anunciar medidas concretas provocando a consecuente decepción do sector. O ministro limitouse a citar a Orson Wells –“primeiro é a vida e despois o cine”– para xustificar a falta de axudas específicas ao sector para minorar os efectos da pandemia da Covid-19.

Uribes reuniuse nos últimos días con diversos representantes da Cultura e esperábase que anunciase, se non medidas concretas, polo menos as liñas xerais que marcaría para protexer o sector durante a pandemia e, especialmente, cando esta acabe. A decepción, porén, foi maiúscula, xa que non informou de ningunha medida específica e limitouse a repetir que xs traballadorxs da cultura terían que acollerse ás actuacións xerais anunciadas polo goberno.

Non houbo ningunha concreción sobre as políticas que se seguirán para acubillar ao sector e, cando se lle preguntou por que non se mobilizaron fondos específicos para a Cultura como noutros países europeos, limitouse a contestar que “non mobilizamos fondos específicos porque mobilizamos fondos xerais”, e repetiu que esta é “unha crise global que afecta a todos os sectores”.

O ministro realizou ao comezo da crise unha ronda de chamadas con asociacións profesionais, xestores e representantes autonómicos do sector para pedirlles propostas concretas. E estes días retomou as conversas a través de videoconferencias.


Publicidade

Uribes aludiu á intención de reprogramar as actividades culturais canceladas estas semanas, pero sen dar maiores detalles. “Chegará o momento, cando esteamos nunha situación sanitaria que o faga posible, no que teñamos que impulsar medidas máis concretas”

A inacción do Ministerio contrasta coas medidas tomadas por outros países europeos nos que si se mobilizaron fondos específicos para axudar ás industrias culturais. En Alemaña, por exemplo, a ministra Monika Grütters declarou a Cultura ben de interese xeral e aprobou un plan de axuda para frear o impacto da crise. Francia creou un fondo de urxencia de 22 millóns de euros que irán destinados á música, ás artes escénicas, á edición (5 millóns) e ás artes visuais (2 millóns). E mesmo no Reino Unido, un dos países que máis tardaron en reaccionar ante a ameaza da pandemia, o Arts Council británico anunciou o martes que destinaría un fondo de emerxencia de 160 millóns de libras (uns 175 millóns de euros) en resposta á crise.

Hoxe está prevista para as 16:00 unha reunión informal, por videoconferencia, dos ministros de cultura da UE:

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LauraIturralde |

No confín de… Laura Iturralde

ConArte |

Traballadoras das Artes Escénicas piden unha rectificación do Ministro de Cultura