in

As Residencias Paraíso 2020 escollen os seis proxectos artísticos da súa cuarta edición

ResidenciasParaiso2020 |
As Residencias Paraíso 200 fan pública a selección dos seis procesos artísticos que o colectivo RPM acompañará en 2020. Despois de valorar 62 proxectos presentados, Shelter, Manodura, Teorema, H/Ostia, Carne de canción e O raro é que bailar sexa raro son os títulos dos proxectos que se desenvolverán en residencias de entre dúas e tres semanas ao longo do ano en diferentes espazos da xeografía galega.

 

A comisión de selección desta cuarta edición das Residencias Paraíso estivo formada por Félix Fernández e Alexis Fernández –por Colectivo RPM– e Davide González, Marta Alonso e Natalia Balseiro, como profesionais convidadas. A organización destaca que a selección ofrece “seis proxectos enormemente pertinentes – pola súa capacidade de traducir dende o sensible o común- e tremendamente reveladores da inmensa potencia da comunidade artística vinculada ás artes vivas no noso territorio”.

Dentro do grupo de artistas Paraíso 2020, o programa acompañará o proceso de investigación Shelter do colectivo Ex Architectures. Trátase dunha investigación de corte experimental entre o teatro físico, a arquitectura e a performance, que pon en crise a idea de desarraigamento dende a perspectiva de catro artistas da xeración millennial europea. A súa residencia desenvolverase en Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña.

O Teatro Rosalía de Castro e o Pazo da Cultura de Carballo suman forzas como espazos anfitrións do proceso de creación Manodura da artista galega Cris Vilariño. Acompañada da colaboración do dramaturgo andaluz Alberto Cortés, o seu proceso de creación xira arredor da adolescencia e da familia, un tema ao que esta creadora leva poñendo atención de xeito reiterado na súa traxectoria.

Nunha aposta polo acompañamento en continuidade, o Colectivo RPM estará ao carón do proceso de investigación de Teorema: unha proposta a cabalo entre a danza e a creación sonora, da man do creador Javier Martín en residencia no Pazo da Cultura de Narón.

O Salón Teatro de Santiago acollerá a proposta O raro é que bailar sexa raro, o sexto solo de Andrea Quintana. Para el, a creadora traza, a partir do propio, un discurso cuestionador sobre o xénero e a disidencia, coa danza como práctica de resistencia.

De igual modo, o Vello Cárcere de Lugo acollerá o proceso de investigación H/Ostia de Laura Villaverde, Raquel Espada e Megan Hanley. Xuntas abordan, dende o performativo, a emoción dos sucesos que se converten en puntos de inflexión nas nosas vidas, transformando a nosa realidade e sacándonos da nosa zona de confort.


Publicidade

Por último, na liña de apertura á comunidade de artistas estatais, esta edición acompañará o traballo de Laila Tafur co proxecto Carne de canción, que estará en residencia na Igrexa da Madalena grazas ao diálogo coa MIT de Ribadavia. A súa investigación, entre o corpo e a composición musical, atopa no achegamento á cultura pop o espazo dende o que afondar no pensamento crítico e feminista.

Os proxectos da cuarta edición das Residencias Paraíso desenvolveranse en residencias de entre dúas e tres semanas ao longo do ano e recibirán un apoio de 1.500 e 3.000 euros ata o total de 15.000 euros cos que se apoia a convocatoria. A iniciativa, impulsada dende Colectivo RPM, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Concello de Santiago, Concello da Coruña, MIT de Ribadavia, Concello de Lugo e a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, así como coa colaboración fundamental dos distintos espazos cómplices.

 

Colectivo RPM

O Colectivo RPM naceu en 2017 do impulso dun grupo de artistas vinculadas á danza, ás artes vivas e a creación contemporánea en Galicia coa vontade de deseñar proxectos para o común en paralelo aos seus proxectos artísticos persoais.

As socias fundadoras e en activo son Caterina Varela, Rut Balbís, Félix Fernández e Alexis Fernández (Maca). Xuntas deseñan e coordinan as distintas liñas de acción tratando de defender un espazo de visibilidade para a comunidade da danza e das artes vivas en Galicia. Canda elas, as persoas que amosan o seu apoio como socias-amigas creando comunidade e dando pulo para continuar.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Carlos Rebolo

No confín de… Carlos Rebolo

teatro9346 |

O INAEM amplía o Programa PLATEA até marzo de 2021