in

No confín de… Tito Asorey

Tito Asorey
Foto Marcos Martinez
“Actor que dirixe ou director que actúa, segundo o momento vital. Ás veces escribo dramaturxias de pezas alleas e, por veces –ás menos–, atrévome con pezas propias. Tamén imparto clases de teatro.”
Tito Asorey é cofundador, xunto á actriz Melania Cruz, d’A Quinta do Cuadrante. O empapelado amarelo, primeiro espectáculo da compañía, opta á mellor dirección e mellor adaptación nos Premios María Casares de Teatro. Como director, a súa última montaxe foi a versión escénica de Fariña, baseada no libro de Nacho Carretero sobre a Operación Nécora contra o narcotráfico, en cuxa adaptación televisiva Asorey tamén participou como intérprete. | Foto: Marcos Martínez |

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Agora mesmo, a Odisea de Homero; máis que nada por viaxar un pouco e desfrutar das aventuras de alguén que o que máis desexa é regresar a casa. Nesta corentena gocei moito de El mundo de ayer de Stefan Zweig, a Obra Dramática de Andrea Dunbar –que se acaba de publicar en galego por Galaxia– e dos cómics Private Eye de Brian Vaughan, Marcos Martín e Muntsa Vicente e Lo que más me gusta son los monstruos de Emil Ferris. En cuestión de cómics, espero poñerme agora con Neonomicon de Alan Moore. Deixoumo Laura Iturralde, coa que comparto devoción por H. P. Lovecraft.

A túa banda sonora destes días.

Maiormente o silencio da cidade pantasma. Por veces, Nick Cave. Por veces, os sons das stories de Instagram de Xúlio Abonjo. Por veces, as pombas. Por veces, Patti Smith. Por veces, os sons do videoxogo The Last of Us. Aute tivo o seu momento, por suposto. E a trompeta dun veciño cada día ás oito da tarde.

O último filme que te impresionou.

Estoulle dando duramente a Filmin estes días. Se tivera que elexir, diría Shoah, de Claude Lanzmann. É un filme documental de dez horas sobre o holocausto, realizado a partir de entrevistas con vítimas e vitimarios. Tíñalle moitas ganas desde hai tempo e é moito máis potente do que me imaxinaba. O director non ten piedade cos entrevistados, e suscitoume un debate sobre os límites que está disposto a forzar un creador para conseguir a obra que pensa que debe facer.

A obra de arte na que te perderías agora.

Nun cárcere de Piranesi. De estar pechados, que sexa nun lugar ben grande e que poidas explorar. A casa na que vivo seina de memoria.


Publicidade

A peza que che gustaría interpretar e dirixir.

Como actor, sempre soñei con facer de Macbeth. Tiven a sorte de representala en dúas ocasións, no 2006 e no 2010, pero encarnando outro personaxe. É unha conta pendente. Como segunda opción, un Cyrano, aínda que só fose por ter a oportunidade de dicir o monólogo de “Non, grazas”.

Como director, unha versión de As tres irmás de Antón Chékhov. Así como continuar facendo pezas do estilo de Fariña, que tenten unir a reflexión sobre a nosa historia contemporánea coa diversión e a retranca. Pero sobre todo, seguir facendo teatro con xente querida.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Con Michel de Montaigne podería estar ben. Cando o leo sempre me da a sensación de que un amigo me está falando.

Se non foses actor e director, serías…

Polo camiño que levaba, supoño que profesor de Historia nun instituto ou arqueólogo. Pode que incluso arquiveiro ou bibliotecario. Tampouco estaría tan mal. Dun xeito máis romántico, e por preferir, igual me molaría ser detective do oculto, ao estilo de John Silence. Ou antropólogo nos mares do Sur.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PremiBorn2018 1 |

O Premi Born modifica as súas bases para aceptar orixinais presentados por correo electrónico

college registi |

A Bienal de Venecia anuncia novas datas para os festivais de teatro e de danza