in

As afiliacións á Seguridade Social no sector cultural baixan un 5,5%

Calculadora |
As primeiras cifras sobre o impacto real da situación actual no mundo da cultura revelan un descenso dun 5,5% dos empregos do sector cultural só no mes de marzo. Así o contabiliza o Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), nunha conxuntura que dá conta das cifras de afiliación á Seguridade Social ata o día 31 de marzo. A perda está un punto por debaixo do conxunto do Estado e destaca que o impacto é maior no emprego cultural que noutros sectores produtivos.

 


 Son as primeiras cifras que analizan o impacto no sector cultural despois da paralización da actividade tras a declaración do Estado de Alarma. Unha vez analizada a enquisa “Afiliacións á Seguridade Social por ramas de CNAE 2009” do Ministerio de Trabajo y Economía Social, o Observatorio da Cultura Galega conclúe que “como era de esperar, a situación de crise afectou ao emprego cultural, tal como se pode comprobar nos datos de afiliación do último día do mes de marzo de 2020, comparado co mes anterior. A cultura descendeu un 5,5%, 2,3 puntos porcentuais máis que o conxunto do mercado laboral”. A cifra está un punto por debaixo do que acontece no conxunto de España, que se sitúa nun 6,5%. O Observatorio da Cultura Galega tamén sinala que cómpre un estudo lonxitudinal e fará unha revisión periódica dos principais indicadores estatísticos nos vindeiros meses.

Segundo ese texto, as ramas de actividade máis afectadas son as cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical, seguidas das actividades de creación, artísticas e espectáculos, que, de feito, se atopan entre as máis afectadas de todas as ramas que compoñen a economía galega.

Ademais, o documento establece a análise con outros sectores e conclúe que a cultura perdeu proporcionalmente máis cotizacións que o conxunto dos servizos, a industria e o sector primario. “Só é equiparable o descenso ao producido na construción” asegúrase. En función do tipo de traballo, o OCG alerta que nos primeiros días das medidas de contención da crise sanitaria víronse máis afectados os traballadores do réxime xeral que o de autónomos e, segundo este documento, isto débese posiblemente á “posibilidade de acceder á prestación extraordinaria por cesamento de actividade destes últimos”.

 

Fonte dos datos


Publicidade

Nesta conxuntura recóllense os datos das afiliacións á Seguridade Social a partir da explotación que ofrece o Instituto Galego de Estatística (IGE) dos datos do Ministerio de Trabajo y Economía Social das e dos traballadores adscritos a actividades culturais. Isto significa que só se recollen datos das persoas empregadas nas principais empresas culturais, pero non das persoas con ocupacións culturais que dependen doutro tipo de actividades, nin dos que traballan en ramas de actividades que non son distinguibles polo nivel de desagregación que ofrece a estatística.

 

O impacto da cultura mensual

O estudo lembra que a cultura, segundo a Conta Satélite da Cultura (CSC), representa en Galicia o 2% do PIB e o 3% do emprego. Nun mes medio, recádanse 1,9 millóns de euros de 325.000 asistentes nas salas de cine galegas. Hai 140 representacións de artes escénicas e unha media de 40.000 espectadores, que supoñen unha recadación de 350.000 euros. En canto á música en vivo, teñen lugar uns 400 concertos por mes, que congregan 145.000 espectadores e xeran unha recadación media mensual de case 1,5 millóns de euros. A poboación galega gasta aproximadamente nese mesmo mes medio en total uns 52 millóns de euros en cultura, dos cales 6,7 millóns se destinan a espectáculos e outros servizos culturais. Do total do turismo cultural que recibe Galicia, só os turistas que proveñen do resto de España realizan un gasto de 15,5 millóns de euros de media mensual.

Ademais, indica, “no tocante ao estrato de asalariados das empresas culturais en Galicia, obsérvase que máis da metade non tiña ningún asalariado, xa que son actividades de autoemprego. O 99,5% son pemes”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SedeDaUnesco |

Máis de 130 ministros reclaman apoio ao sector da cultura na resposta á crise COVID-19

teatroprincipalcompostela |

As asociacións profesionais da cultura denuncian a inactividade da Xunta ante a crise