O FETEGA acaba de facer público o traspaso na dirección. O carballiñés Carlos Ledo substitúe á actriz Josi Lage, que se despediu no pasado 30ª aniversario e continúa como programadora artística.
A Asociación cultural FETEGA deu a coñecer o relevo, onde o perfil buscado para a dirección requiría un profesional con ilusión renovadora pero sen perder a esencia actual, visión de xestión porque o evento ten que ser sostible, perfil conciliador libre de afiliacións políticas, que mantén as raíces do Carballiño pero cunha visión xeográfica moi ampla. E todo isto reúneo Carlos Ledo, ademais con coñecemento das novas tecnoloxías, experiencia na coordinación de equipos, xestión de proxectos e dominio da linguaxe teatral.
Segundo manifesta Josi Lage, a directora saínte: “É un momento emocionante, foron moitos anos nos que fun moi feliz, e onde houbo tamén suor e bágoas. Fixen o meu traballo o mellor que sei dando paixón e esforzo, e con grandes equipos detrás. Poñerse agora ao fronte do festival é algo moi valente, máis nestes tempos nos que hai que reinventarse.
Estou feliz coa persoa que vai coller este relevo. Ambos eramos voluntarios ao inicio do festival, somos do Carballiño e amamos o teatro e a nosa vila. Eu agora preciso dedicarme a tempo completo á miña carreira profesional como actriz tanto audiovisual como de teatro, e tamén á familia.”
“Carlos é novo, está moi ben preparado é coherente, ético, honesto e aberto. Houbo varias persoas candidatas, pero finalmente partimos das bases da filosofía do festival, e atopamos a alguén que cumpre todos os criterios. Unha persoa que xa tivo contacto co festival nas súas orixes, que ama o teatro e ama o galego. O festival queda en boas mans. Eu despídome como directora pero seguirei como programadora artística xa que non me deixan ir completamente.!
“Cedo o cargo a unha persoa marabillosa, boísima, xenerosa e con moito talante, un amor de persoa, Carlos Ledo Vázquez. Estou convencida de que vai ser un éxito e fará crecer o festival aínda moito máis. Quero agradecer a todas as entidades públicas e privadas e ás persoas que están tras delas, que apoiaron e apoian ao festival, desde o goberno autonómico, deputación provincial e a administración local. Quédome co mellor das institucións, da empresa privada e das industrias culturais e dos comerciantes do Carballiño. Seguimos xa preparando a 31ª edición, onde novo director ocupa ese posto de liderado, necesita ter toda a liberdade e tamén todo o noso apoio.”
Carlos Ledo, novo director do FETEGA, declarou que “é unha responsabilidade grande e apaixonante especialmente para min, que lembro os inicios cando nin sequera se levaba aínda a palabra Festival. O festival evolucionou, sempre evoluciona, e penso no traballo de Xan Pinal nos seus inicios, e no liderado fantástico de Josi Lage nos últimos anos, nos nomes de tantas persoas, patrocinadores, voluntarios que traballaron durante estes trinta anos e aos que necesitaremos no futuro, na calidade da programación e en novos retos. Velaí toda a responsabilidade e paixón do proxecto.
A organización buscaba unha persoa capaz de desprazar lixeiramente o eixo de acción sen perder de vista o contido de calidade artístico. “Cando falo dun festival penso nas dinámicas de grupo, nos papeis que debe xogar cada compañeiro no equipo, en como encaixar, en como activamos social e culturalmente o noso contorno. Formar parte dun equipo como este é un privilexio. Cada espectadora e espectador, cada unha das persoas que ocupan as institucións que nos apoian son artífices deste éxito”. Sobre o papel que xoga o evento organizado desde hai trinta anos desde o Carballiño: “eu destacaría que estamos a falar dun patrimonio que é de todos os galegos, pero que radica no Carballiño que ten que loitar con sete cidades e moitas vilas semellantes á nosa pola oferta cultural. Tócanos manter sempre un alto estándar de calidade que compañías e profesionais recoñecen”.
Sobre o contido artístico manifesta que: “teño claro que a programación artística queda na man de Josi, o seu coñecemento do sector, das compañías grandes e pequenas, do traballo dos compañeiros e compañeiras, e a súa faceta de actriz é fundamental. Que máis podo dicir?”. Sobre preferencias persoais? “Gústame falar de teatro e sobre todo de vangardas, pero en ocasións non hai nada máis vangardista que volver aos clásicos. Penso sempre no equilibrio entre a calidade, o arte, a transcendencia do que facemos e a sustentabilidade económica. O teatro é un compromiso, unha comuñón entre o actor e o público. O público ten que desfrutar, rir, chorar, sorprenderse, coñecer e sentir. Eu falo desas cousas e na butaca miro a escena e a expectación de quen teño ao redor. Temos o mellor equipo organizativo que me podía atopar, e temos sempre ao mellor público. Polo demais, o meu credo inicia cunha frase do director Mauricio Kartun: o teatro sabe, o teatro teatra”.