in

No confín de… Cris Iglesias

Cris Iglesias
Cris Iglesias converteuse, nos últimos anos, nunha intérprete habitual das táboas e pantallas galegas. Entre os seus últimos traballos no audiovisual destacan 16 de decembro, curtametraxe do director vigués Álvaro Gago, a adaptación cinematográfica de Eroski Paraíso de Chévere, codirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, ou a serie de Netflix Valeria. Pola súa interpretación en Liberto de Marelas Teatro, Iglesias está nomeada á mellor actriz secundaria nos Premios María Casares 2020. | Foto: Esteban Delaiglesia / LaDiapo / AAAG |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Teño varios! Un que me leva anos acompañando case sen querer porque marcou a miña adolescencia: La insoportable levedad del ser de Milan Kundera. Tamén teño un texto fantástico, Conductas en Cuarentena, da dramaturga uruguaia Marianella Morena sobre o cal estou traballando neste confinamento. Acabei de ler estes días un cómic xenial, El fruto prohibido de Liv Strömquist. Hai un libro de poesía portuguesa, Eu não sou de ninguém de Florbela Espanca, que xa lin, pero que boto man del moitas veces. E teño por ler Mierda Bonita de Pablo Gisbert e a novela gráfica Madialeva da miña amiga Ana Moreiras.

A túa banda sonora destes días.

A verdade é que escoito moita, moita, música e utilízoa como motor de moitos momentos da miña vida, pero neste confinamento especialmente está debuxando o meu día a día. Escoito música de todo tipo: desde Compay Segundo, pasando por Patti Smith, á electrónica de Nicola Cruz. Tamén Muse, David Bowie, Stromae, Novedades Carminha, Mercedes Peón, flamenco, clásicos dos 90´s… Teño moitas listas de reprodución. Como criterio: certa calidade, bailar moito e gozar infinito.

O último filme que te impresionou.

120 battements par minute de Robin Campillo. Unha película francesa baseada na epidemia do sida durante os anos 90, cunhas interpretacións xeniais. É unha marabilla ter un bo guión ou unha boa produción, pero cando vexo interpretacións que semellan ser coma un documental cen por cen realista, é una sensación inexplicable.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Calquera peza de danza polo pracer visual. A obra de Pina Bausch, a compañía belga Peeping Tom, Olga Pericet, etc. Tamén compañías galegas coma o colectivo Entremans ou La Macana. Creo que a danza é a arte que máis liberdade me produce. Tanto na execución como espectadora.

A peza que che gustaría interpretar.

A verdade é que me sinto moi afortunada polas historias que foron chegando a min e das que tiven sorte de formar parte, pero tamén teño gana de levar algo a cabo. Hai pequenos proxectos en torno á performance. Gustaríame traballar coa música e a danza desde a miña propia creación. Iso si, sempre acompañada. É o que máis me gusta do meu traballo!

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Pois creo que tomaría un viño con Enriqueta Otero, guerrilleira antifranquista de Lugo, da que tanto coñezo por ser íntima amiga e compañeira activista do meu bisavó Folgueira, co que tamén morrería por compartir, aínda que fose un chisquiño, unha caña e aproveitar para facerlle millóns de preguntas e coñecer por que sinto que temos tanto en común.

Se non foses actriz, serías…

Penso que pola miña formación sería percusionista. Pode que bailarina tamén, iso si que me fliparía. Aínda que o bo da interpretación é que realmente podo desenvolver esas disciplinas moitas veces. Fóra do artístico, experimentaría calquera profesión. Gústame moito traballar, así en xeral. Iso si, todo menos cociñeira. Pobre de min!

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

backstage2 |

A Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia tamén censura o Plan de Reactivación da Xunta

FETEGA 20190906 |

O Festival de Teatro Galego “Celso Parada”, do Carballiño, presenta o seu novo director