in

As compañías de danza galegas perderán case un millón e medio de euros até setembro

FormacionHerdanza |
A Asociación de Compañías de Danza “Emprendo Danza” vén de encargar un informe que avalíe a perda de ingresos das compañías de danza de Galicia como consecuencia da pandemia da Covid-19 e das diversas medidas tomadas para facerlle fronte e paliar os seus efectos. O resultado indica que as perdas se achegan ao millón e medio de euros até setembro, data en que, teoricamente, poderían retomar a actividade.

 

Para realizar o estudo, tomáronse como referencia datos extraídos da enquisa a compañías de artes escénicas e agrupacións musicais independentes realizada polo OCI entre o 15 de abril e o 10 de maio de 2020, que inclúe datos de funcións e ingresos de 2019; o Rexistro de perdas ocasionadas pola Covid-19 que está levando a cabo a Federación Estatal de Compañías y Empresas de Danza (FECED) dende que se declarou o estado de alarma o día 14 de marzo de 2020 e os resultados obtidos no Estudio de situación de las compañías independientes de danza en España, realizado polo Observatorio de Creación y Cultura Independiente (OCI) en 2018 con datos da actividade das compañías no ano 2017. Destas tres fontes realizouse unha análise específica das compañías con sede fiscal en Galicia.

Metodoloxicamente, os resultados obtidos sometéronse aos seguintes supostos.

  • As compañías perderán o 100% dos ingresos do período que se estende dende a segunda quincena do mes de marzo e o 1 de setembro, período que concentra aproximadamente o 60% da actividade anual das compañías. Este efecto (perda do lucro cesante) non será recuperable – aínda que os espectáculos suspendidos se reprogramen en datas posteriores –, a non ser que se amplíe a programación dos espazos e eventos (festivais, ciclos, feiras) onde as compañías estaban o ían ser programadas para acoller tanto as funcións pospostas como as que terían lugar en datas posteriores.
  • Neste momento, cos datos dispoñibles, é imposible calcular a actividade que poderán desenvolver as compañías, tanto en exhibición como en formación ou produción, durante os últimos catro meses do ano 2020, polo que non se inclúen no presente informe.
  • Entre 2017 e 2019 produciuse un incremento acumulado de funcións que se sitúa en cifras arredor do 4,1%, se se toman como fonte os datos achegados polo Anuario SGAE das Artes Escénicas e Audiovisuais destes anos. Entre 2019 e os primeiros meses de 2020 o incremento valorouse no 2%, á espera dos resultados definitivos.
  • Aplicouse o incremento do IPC entre febreiro de 2017 e 2020 do 2,9%, establecido polo Instituto Nacional de Estatística para ese período.

Igualmente, dado que non existe un rexistro de compañías de danza en activo en Galicia, recorreuse ás seguintes fontes para estimar o universo de compañías profesionais de danza en Galicia:


Publicidade

  • O Centro de Documentación de Artes Escénicas y Música (CEDAEM) do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM).
  • A Guía de la Danza do portal Danza.es.
  • A base de datos de compañías accesible no web da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública (Redescena).
  • O Arquivo Online de Danza Contemporánea Galicia.

Os devanditos listados depuráronse para extraer deles as compañías e agrupacións de tipo amador ou non profesional. Como resultado deste proceso identificáronse 54 compañías ou unidades de creación profesionais en activo en Galicia en 2020.

As medidas adoptadas para frear a Covid-19 impactaron na actividade xeral das compañías: a exhibición nacional e internacional – tanto en espazos escénicos coma en eventos –; no desenvolvemento das súas actividades formativas e de mediación e na explotación das súas instalacións. Así mesmo, considerouse que se producirán perdas nas achegas de terceiros (patrocinio, etc.) polo menos para o período comprendido entre marzo e setembro de 2020.

Baixo as premisas expostas, as perdas totais das compañías de danza de Galicia para o período comprendido entre o 15 de marzo e o 1 de setembro estimáronse nun total de 1.347.928 €, tomando o universo de 54 compañías e/ou unidades de creación profesional en activo rexistradas en Galicia na actualidade. A media de perdas por compañía nos referidos seis meses sitúase en 24.961,6 € por compañía, aínda que as diferenzas entre elas é moi amplo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Celia González

No confín de… Celia González

Manuel Cortés

No confín de… Manuel Cortés