O millón e medio de euros de orzamento con que conta o Fondo detráese da partida prevista nos orzamentos de 2020 para as campañas de normalización lingüística de todo o ano de Política Lingüística.
Logo dun seminario de presentación da Consellería de Cultura e Turismo este pasado sábado, publícanse no web da Dirección Xeral de Política Lingüística as bases do “Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21”, unha das principais medidas que contempla a Xunta de Galicia no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19, dentro do plan de reactivación xa presentado.
A convocatoria, que abre hoxe o seu prazo de presentación de proxectos, está dotada inicialmente cunha partida de 1,5 millóns de euros, que se detraen da partida prevista nos orzamentos de 2020 para as campañas de normalización lingüística de todo o ano de Política Lingüística, unha partida que tiña asignados 1.796.400 euros.
As disciplinas do Fondo para Proxectos Culturais Xacobeo 2021 incluirán a lingua, as artes escénicas, teatro, danza, música, artes plásticas, literatura, divulgación, patrimonio ou o turismo cultural, entre outros. Os profesionais que formen parte contarán con apoio e visibilidade para que os seus proxectos sigan a ter proxección social.
Poderán acceder a esta convocatoria todas as ramas do sector cultural con proxectos virtuais ou que se vaian realizar de xeito presencial baixo as condicións que a situación sanitaria permita. Ou mesmo combinar ambas opcións. Tamén outros servizos como deseño, produción técnica ou subministro de materiais e expresións artísticas.
As iniciativas optarán a un investimento máximo de 10.000€ no caso de tratarse de empresas, cooperativas e entidades sen ánimo de lucro que xeren emprego, ou de 4.000 euros se se trata de profesionais autónomos. En calquera caso, esta contía pode supoñer o financiamento do 100% do proxecto. As iniciativas poderán ser compatibles coas axudas doutras entidades ou mesmo da Xunta de Galicia, pero non coas da Consellería de Cultura e Turismo para o mesmo proxecto, co fin de poder chegar ao maior número de beneficiarios posibles.
Cada empresa ou profesional poderá presentar un proxecto, no que deberán apostar pola lingua galega, se ben poderán promover igualmente o plurilingüismo sempre que se inclúa unha versión en galego ou habiliten mecanismos de subtitulado.
Tres modalidades
Na primeira das tres modalidades do Fondo Xacobeo 2021 incluiranse os proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas. Na segunda terán cabida os proxectos para dinamizar a lingua galega, o patrimonio cultural e os proxectos editoriais, literarios e expositivos. A última das modalidades está dirixida ao ámbito xacobeo, turístico, xeográfico, paisaxístico, gastronómico e de usos e costumes sociais.
A selección dos proxectos que integren este Fondo vinculado ao Ano Santo será realizada por unha comisión técnica integrada por persoas expertas en cada un dos ámbitos que avaliará os proxectos segundo o interese da proposta así como a súa orixinalidade, calidade, alcance e grao de adecuación ao público ao que vai dirixido.