A Asociación Cultural Telón e Aparte, unha das entidades organizadoras do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, convoca o IV Certame de Micro-Escenas M2 . A convocatoria, que ten aberto o seu prazo de inscrición ata o 30 de xuño, ten como obxectivo apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras emerxentes ofrecendo o contexto do FIOT para a presentación e estrea de espectáculos.
O Certame de Micro-Escenas M2 é un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato dunha duración entre 10 e 20 minutos, concibidos para representar en espazos non convencionais de Carballo nos que o público (ata 25 persoas) se sitúa a curta distancia dos intérpretes.
Poderán optar ao concurso todas as persoas físicas, grupos ou compañías teatrais que creen un espectáculo que cumpra coas características que se establecen nas bases. As propostas poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que se terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación aos espazos ofertados e a autoría propia. As pezas poderán estar destinadas a público de calquera idade e as propostas textuais deberán estar en lingua galega.
Para esta nova edición do certame, a organización propón un amplo abano de espazos como son: biblioteca (9m x 5m), despacho do alcalde (6,5m x 6,5m), salón de plenos municipal (14mx15m), palco da música (6,5m x 6,5m), cociñas profesionais da Escola de Hostalaría (120m2), amigú ou salón do casino (10m x 8m), posto do mercado de abastos (5m x 5m), pista de skate (16m x 9m), ponte de madeira (accesos 9m x 6m), aula (14m x 5,5m), sala de exposicións do Pazo da Cultura (10m x 10m), Balcón do Concello de Carballo para ver desde a rúa(3m x 1m), fiestras planta baixa dun edificio (16 fiestras distribuídas en 2 fachadas). As bases especifican as dimensións dos espazos coa intención de que as participantes poidan determinar o número de asistentes máximo que consideren, tendo en conta que deberán respectarse as distancias mínimas de seguridade ou as medidas impostas ou recomendadas polas autoridades sanitarias. De precisar máis información sobre os espazos ofertados poden realizar as súas consultas no enderezo electrónico do [email protected] ou no facebook do festival.
Desenvolvemento do certame
A presente convocatoria desenvolverase en tres fases: recepción de propostas (ata o 30 de xuño), selección das propostas por parte do xurado (antes do 15 de agosto) e exhibición das pezas seleccionadas (entre o 18 de setembro e o 14 de novembro).
Cada compañía ou grupo representará un mínimo de catro veces a súa proposta, sendo posible consensuar un número superior dependendo da duración desta. Todas as representacións terán lugar no mesmo día.
A inscrición no certame realizarase enviando a solicitude ao enderezo electrónico [email protected] ata o 30 de xuño. Xunto coa solicitude de participación do certame achegarase a copia do DNI da persoa responsable do grupo ou compañía e o material complementario que considere (dossier, texto, fotografías, vídeos…).
Un xurado composto por persoas relacionadas coas artes escénicas será o encargado de escoller entre 4 e 6 propostas dramatúrxicas. Os proxectos seleccionados deberán ser representadas no marco do FIOT e recibirán unha compensación económica de 450 euros. Ademais, optarán a dous premios como son o premio do público ao Mellor Espectáculo (150 euros) e á Mellor Interpretación (150 euros).
Podes consultar aquí as bases da convocatoria.