O plan de reactivación da cultura en Ourense inclúe que se dea prioridade ás actuacións e espectáculos de artistas locais. Así o acordou a Comisión de seguemento e programación da Rede de Auditorios Provincial (reaOU), impulsada pola Deputación de Ourense, que a pasada semana aprobou esta iniciativa, formulada no encontro mantido o 14 de maio entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o Comité asesor de Cultura, no que supuxo a reunión constitutiva deste órgano.
A comisión, integrada pola Deputación de Ourense e representantes dos concellos que pertencen a esta rede de auditorios, debateu a proposta de abrir a programación cultural ao exterior e, ao tempo, centrar a programación en artistas locais da provincia de Ourense, proposta que se aprobou por unanimidade por parte da comisión. Desta forma, nos próximos días elaborarase un novo catálogo de espectáculos para poder programar, a partir do 1 de xullo, a nova axenda de actividades da rede de auditorios.
Neste sentido, considérase que a oferta ourensá é o suficientemente ampla como para cubrir a programación do que queda de 2020, xa que actualmente dentro do catálogo da propia rede figuran 150 espectáculos de artistas locais. Tamén se acordou na reunión paralizar até 2021 a incorporación de novos concellos a esta rede, actualmente integrada por 36 concellos.
O encontro, que contou coa participación da Deputación de Ourense e representantes de 25 entidades, intérpretes, cantantes, profesionais da xestión cultural, da dirección escénica, da técnica e da produción, permitiu avaliar a actual situación no ámbito da cultura ourensá e se puxeron sobre a mesa proxectos e iniciativas para relanzar este importante sector da actividade económica da provincia de Ourense.