in

Escena pospandémica. Unha visión desde a Arxentina, por Carlos Piñero

Carlos Piñero
| Carlos Piñero |

 

Hai 30 anos que exerzo a profesión de titiriteiro, profesión que aprendín de mestres e, sobre todo, de colegas. Algunhas veces outorgáronme premios e moitas outras non. Tiven a sorte de viaxar por moitos festivais internacionais, pero a fortuna máis valorada é a de ter coñecido a tantas persoas que coa súa arte melloraron a miña calidade de vida. Sigo animando coa ilusión de que as cousas teñen movemento.

 

Escena Pospandémica

Se ben o virus non discrimina por clase socio cultural, si que se incrementa pola posibilidade de contaxio, segundo a que estrato social pertenzamos. Con todo isto, en Arxentina, a presenza do Estado (activo e vital) é fundamental para salvar vidas.

Unha das formas de abordar o noso campo cultural é non esquecer que somos un país do terceiro mundo e que as diferenzas entre as clases máis acomodadas e as máis vulnerables son moi grandes. Ao tempo, existen diversas e variadas realidades que funcionan simultaneamente. A construción do desenvolvemento de Arxentina é absolutamente centralista, o que implica que unha capital (Ciudad Autónoma de Buenos Aires. Puerto) ten un ingreso per cápita que multiplica o promedio do resto das provincias. Ao mesmo tempo, a cidade de Buenos Aires é unha das capitais mundiais do Teatro, tanto pola cantidade como pola amplitude da súa oferta teatral e isto constitúe diversos circuítos de programación: independente, off, alternativo, público, comercial, etc… Os volumes de produción e económicos son enormes en relación ao resto do país. Nas provincias, poderiamos albiscar un circuíto independente e outro público e hai que considerar que, en só dúas ou tres cidades turísticas e en temporada de vacacións, se programa teatro comercial. Mirado deste xeito, o noso campo laboral abarca desde un/unha artista de rúa até unha icona internacional como Ricardo Darín, o que supón a dificultade de xestionar políticas culturais en Arxentina.

 

Construíndo desde os paradoxos

Antes da pandemia (unha pre pandemia), en Arxentina padecemos a acción dun goberno neoliberal que se focalizou en desmantelar o aparato estatal, en favor dos negocios financeiros e da hexemonía do mercado, coa consabida concentración do capital nunhas poucas mans. Mediante eleccións democráticas, o pobo arxentino decidiu que catro anos de (di)xestión neoliberal xa eran abondo, promoveu democraticamente o advenimiento/chegada dun goberno con vocación de xustiza social e cando empezabamos a sentir o alivio de saír daquela tormenta…a pandemia.

O INT (Instituto Nacional del Teatro, entidade de fomento para o teatro independente) coa súa nova xestión, reaccionou rápida e novidosamente, repartiu de forma igualitaria funcións -que se pagarán por adiantado- e subsidiou tamén un sector informal, que non tivera vínculos administrativos coa entidade.


Publicidade

Aínda que é notorio que a vontade e a vocación están postas a favor dos sectores máis vulnerables, neste contexto é imposible que calquera programa de subsidios chegue a paliar a totalidade da crise. Estanse pagando funcións por adiantado e existe un plan de entrega de módulos alimentarios. As urxencias e as prioridades diagnostícanse con novos criterios: solidariedade, empatía e memoria.

Sudamérica, e o noso país, teñen unha historia de crises socio-económicas que permite demostrar que despois de cada unha desas sacudidas sociais, os que sempre se favoreceron son os sectores concentrados do poder. Un dos desafíos, nesta situación inédita, é evitar que esa inercia se manteña e o campo cultural deberá estar moi atento para que esta vez os sectores populares non perdan dereitos nas súas posibilidades de accesos democráticos ás artes en xeral.

 

Dramaturxias, modos de produción e poéticas

Creo que é unha dinámica bastante fluída no noso campo escénico a de pensar como representar ideas, conflitos e accións nun mundo tan cambiante e paradóxico. Sospeito entón que, fronte a esta pandemia, xa se deberon disparar dispositivos conscientes e inconscientes por parte de creadoras e creadores que activarán novos desafíos poéticos, ideolóxicos, persoais…

Na longa transición que se aveciña, contaremos as mesmas historias que se veñen contando? Contarémolas do mesmo xeito? Canto cambiaron as expectativas do público? Para cantos espectadores poderemos actuar? Como serán as xiras? Potenciaranse os espazos non convencionais? As incertezas son moitas máis ca estas pero temos algunhas certezas: a pandemia pódese chamar Covid-19 ou neofascismo; e seguindo a idea de Jorge Dubatti, sabemos que o “Teatro sabe”: sabe desde as cavernas, desde as fogueiras e os dioivos, desde os ritos sabe; desde as cacerías e as vendimas, desde as festas, desde as aldeas e as fortalezas, desde as feiras, os templos, as asembleas, as revolucións, os sotos, desde as ruínas da guerra, desde os exilios, desde as prazas, as escolas, as fábricas, os hospitais, os bares, as bibliotecas, mesmo desde os edificios teatrais, o teatro sabe. Cando os espectadores e o público xuntan as súas miradas nun mesmo lugar actívase a infinda fraxilidade de crear ficción.

Se Edipo se orixinou por unha peste, temos un frutífero futuro. Abrazos de teatralidade para todas e todos.

 


Carlos Piñero é titiriteiro arxentino pertencente á compañía Teatro de Ilusiones Animadas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FLIVcapa2 |

O teatro será protagonista do FLIV20 con lecturas dramatizadas e debates

Marcos Alonso | Sala Ártika

No confín de… Marcos Alonso