in

O teatro será protagonista do FLIV20 con lecturas dramatizadas e debates

FLIVcapa2 |
As artes escénicas serán protagonistas na primeira edición do FLIV20, o I Festival Virtual do Libro de Galicia, un festival que contra as circunstancias quere dar visibilidade as letras e as autoras de Galicia e que, de xeito virtual, se celebrará  entre os días 26 e 28 de xuño no enderezo web www.fliv.gal.

 

Consciente da necesidade de ampliar o xeito de celebrar actividades culturais trala expansión do COVID-19, o festival pretende demostrar a riqueza cultural e literaria do país e, dentro do amplo conxunto de xéneros, a situación e posibilidades que as artes escénicas teñen. Lecturas dramatizadas dunha ducia de autoras e autores xunto coas reflexións sobre a situación da ficción escénica e os roles para as actrices son os principais puntos de atención do teatro neste FLIV20.

A principal proposta de carácter teatral que as usuarias do FLIV poderán seguir leva por título Teatro Interruptus e ofrecerá lecturas dramatizadas dunha ducia de autoras. As lecturas poderanse seguir a partir do día 27 de xuño, a partir das 11:00 na sala Xulio Amigo da FLIV.gal. Santiago Cortegoso, Vanesa Sotelo, María Armesto, Raquel Castro, Ernesto Is, Esther Carrodeguas, Carlos Labraña, Ana Abad de Larriva, AveLina Pérez, Roberto Salgueiro e Paula Carballeira son as autoras que participarán nesta sección do festival que ten como fin dar a coñecer a obra recente dos principais dramaturgos e dramaturgas de Galicia. O festival considera que a ampla nómina das autoras e autores escollidos representa a variedade e a amplitude da escrita escénica en Galicia.


Publicidade

A segunda das citas arredor do mundo escénico que contará o festival será unha mesa redonda sobre que está contando hoxe a ficción escénica e que conta en comparación con outras maneiras de ficción. Sobre este argumentario falarán tres dos directores con máis proxección nos últimos anos da escena galega: Marta Pazos, da compañía Voadora, Tito Asorey de A quinta do cuadrante, e Xesús Ron de Chévere, moderados por Camilo Franco. O faladoiro poderá verse no espazo do Fliv, a partir das 12:00 do día 27 de xuño.

O terceiro dos puntos de referencia escénicos para o Festival Virtual do Libro de Galicia é unha reflexión sobre o rol que a escena do país reserva para as actrices. Hai bos papeis para as actrices cando superan determinada idade? Estes papeis conta a realidade das mulleres no país? Tres actrices e dramaturgas daranlle unha volta ás preguntas e as súas respostas, Mónica Camaño, Marián Bañobre, Iria Sobrado e AveLina Pérez debaterán sobre se se senten representadas nos personaxes femininos que lles toca interpretar e tamén sobre cales son as personaxes que cren que deberían estar representando a esta altura da historia e das súas carreiras. O faladoiro leva por título Actriz madura con experiencia busca, e poderá seguirse a partir das 19:00 do 27 de xuño.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FETEGA |

Agadic convoca as axudas para festivais de artes escénicas

Carlos Piñero

Escena pospandémica. Unha visión desde a Arxentina, por Carlos Piñero