in

No confín de… Elea López

Elea López
Actriz, docente de teatro e, ás veces, directora. Fórmase en Espazo Aberto con Carlos Neira. No 2017 abre a súa escola, Ítaca Artes Escénicas, en Lugo, onde se imparten clases de teatro para todas as idades e niveis, así como danza e cursos intensivos con distintos profesionais. Desenvolve con Rocío Andón a experiencia de teatro social Maisqueteatro. Como actriz, forma xunto con Carlos Rebolo a compañía Ítaca Teatro, que se estreou coa peza Cinco minutos sen respirar de Gustavo Ott. | Foto: Juan Rivas |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Hai moitos… Pero hai un que me acompaña ultimamente e aínda non fun quen de abrir: Happy Days de Samuel Beckett. É unha peza de teatro que significa moito para min. Foi o primeiro traballo ao que lle dediquei horas e horas de ensaio e que me ensinou moito, tanto a nivel teatral (da man de Carlos Neira) como persoal e vital. Ten múltiples capas e miradas e, quizais por iso, estes días aliméntome del sen abrir as tapas e deixando á mente que viaxe co que suxiren as lembranzas.

A túa banda sonora destes días.

Hai moitas, tamén. Nunca fun de ter un só estímulo de ningún tipo… Silvia Pérez Cruz, Ibrahim Maalouf, Sés, Buena Vista Social Club, Sigur Rós, Chavela Vargas, Arvo Pärt, Beirut, Extremoduro, Leonard Cohen, Ludovico Einaudi, Massive Attack… Estiven escoitando e vendo vídeos de artistas de rúa, e de artistas que están creando música desde as casas. E estes días gocei escoitando o son da rúa, que mudou e muda moitísimo cada día, creando bandas sonoras ben curiosas. Vivo preto dunha igrexa e, cando chegan as 20h, mestúranse os aplausos coas campás, as conversas dos veciños, alguén que canta…

O último filme que te impresionou.

El Hoyo de Galder Gaztelu-Urrutia. Penso que reflicte moi ben unha parte da condición humana sobre a que sempre é importante reflexionar e que agora, cos cambios actuais, se mostra imprescindible.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

O Guernica de Picasso sería unha opción, pero tamén calquera peza de Jannis Kounellis ou de Shopie Calle. Ou unha exposición que vin hai pouco no MARCO de Vigo: Femme fatale–amores platónicos de Eduardo Gruber, por todas as posibilidades que abre.

A peza que che gustaría facer.

A verdade é que non son quen de elixir. No fondo gustaríame interpretar ou dirixir calquera peza que lle aporte algo ao público que a ve, que o faga reflexionar e moverse na butaca. E desexando retomar Cinco minutos sen respirar, de Gustavo Ott, a peza que estaba a interpretar con Carlos Rebolo.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Encantaríame ter unha longa conversa con Samuel Beckett, falando do tempo e do silencio. Tamén me encantaría coñecer a Pina Bausch ou a Angélica Liddell.

Se non foses actriz e docente de teatro, serías…

Outra persoa.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MiteuVigo2019 |

A MITEU celebrarase en xullo sen o apoio do concello ourensán

Ruin |

A crise causada pola pandemia de Covid-19 afecta máis á cultura que a outros ámbitos económicos