Machi Salgado é un dos intérpretes galegos máis recoñecidos do teatro e do audiovisual do noso país. Fariña, Serramoura, A Estiba, Néboa ou, recentemente, o filme María Solinha son algunhas das súas aparicións diante da cámara. Sobre a escena, a última montaxe na que participou é Idiota de Redrum Teatro, papel polo que podería gañar o seu segundo Premio María Casares ao mellor actor protagonista na edición desde ano. | Foto: Moncho Fuentes |
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Moitos, pero o que máis collo é o smartphone. Os dous últimos que lin foron Un lume azul de Pedro Feijóo (editado por Xerais) e Accidentalmente a propósito de John Strasberg.
A túa banda sonora destes días.
Tamén moitas. Desde unha lista de músicas cañeiras para correr pola praia até polifonía medieval para relaxarme pola noite, pasando por un variado de música infantil galega. Depende, pero escoitamos diferentes estilos segundo o momento e a actividade.
O último filme que te impresionou.
Con tanto estímulo perdo a capacidade de impresionarme. Gustoume moito 1917 de Sam Mendes polo xeito no que expón a guerra e as súas consecuencias.
A obra de arte na que te perderías agora.
Na maior de todas: a natureza. Despois de pasar tantos días na casa consumindo todo tipo de cultura nas pantallas, boto moitas horas gozando co florecemento da natureza desde o amencer até o solpor.
A peza que che gustaría interpretar.
Sería Hamlet hai 25 anos… Ha ha ha! Hoxe en día confórmome con que me sigan chamando para facer teatro. Gocei moito facendo Mambo de Juan Antonio Castillo, Feo de Marius von Mayenburg e Idiota de Jordi Casanova. Con ningunha fixemos máis de quince bolos.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Son incapaz de decidirme. Escollería, sen dúbida, alguén con humor porque a intelixencia e o bo momento estarían asegurados.
Se non foses actor, serías…
Agricultor. Das ocupacións máis útiles que se poden facer, tendo en conta os últimos acontecementos.