in

A MITEU Ourense xa ten programa para o seu 25º aniversario

miteucartel2020 |
A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense celebra a súa 25ª edición do 2 ao 15 de xullo con 15 espectáculos chegados de toda a península, Guinea Ecuatorial, Italia ou Arxentina. A organización, que este ano non conta co apoio do Concello de Ourense, celébrase grazas á complicidade da Universidade de Vigo, o Teatro Principal, a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta e Sarabela Teatro.

 

A edición deste ano foi presentada este xoves no Teatro Principal de Ourense por representantes da compañía organizadora, Sarabela Teatro, e das entidades patrocinadoras, que son o campus de Ourense, a Deputación de Ourense e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia. Fernando Dacosta, director da Miteu, quixo agradecer ás entidades promotoras presentes o seu compromiso con esta mostra e lamentou o feito de que nesta edición o Concello de Ourense, principal patrocinador en anos anteriores, retirou o seu apoio económico á cita. Así, fixo fincapé na “falta de sensibilidade neste momento de pandemia cara o sector cultural” do actual equipo de goberno do órgano municipal.

Durante a súa intervención, Fernando Dacosta fixo balance de 25 anos de Miteu lembrando como ao longo deste cuarto de século participaron nesta mostra grupos de 47 países, de cinco continentes e de todas as comunidades autónomas españolas, cuns 5000 participantes, máis de 700 espectáculos e case 200.000 espectadores, cifra á que agardan chegar nesta 25 Miteu. Sobre a edición deste ano, o seu director indicou como haberá 17 representacións de grupos de Guinea, Italia, Arxentina e Portugal, ademais de Galicia, Euskadi, Navarra, Andalucía, Madrid e Castela e León. Nela, destacou, mantense a aposta pola mestura de xéneros, incluíndo espectáculos non só de teatro senón tamén de música, circo e danza; polo humor, con actuacións como a de Carlos Blanco, e polo compromiso social, coa sección Voces acaladas.

O xoves 2 de xullo os grupos Rosaura e Cordelia da Aula de Teatro Universitaria de Ourense e Cordelia presentan Electra e un enxame de moscas baixo a dirección de Fina Calleja e Sabela Gago.

O venres 3 de xullo será tempo para a formación andaluza Cordelia. Jazz Vocal que compartirá o seu Un paraguas japonés no Teatro Principal ás 21:00.

O sábado 4 de xullo o Teatro Principal acollerá dúas sesións de Os mellores monólogos de Carlos Blanco ás 20:00 e ás 22:30.

O domingo 5 de xullo a Compañía de Teatro da UPNA de Pamplona subirá ás táboas do Teatro Principal con Summer evening ás 21:00 baixo a dirección de Óscar Orzaiz.

O luns 6 de xullo o grupo Kanbahiota desembarcará na Praza da Biblioteca Nova ás 20:00 con La coquette: un espectáculo de aéreos con Rossina Castelli e Abraham Pavón baixo a dirección de Iván Prado.

O martes 7 de xullo a compañía vasco-arxentina Aimar&Cía. presentará Etxea/Casa na praza da biblioteca nova a partir das 20:00, cun unipersoal de Diego Aimar no que se mesturan as técnicas de clown, mástil, acrobacia e equilibrios nunha sutil rede de emocións.


Publicidade

O mércores 8 de xullo a compañía andaluza La líquida presenta Bacanal no Teatro Principal ás 21:00. David García Intrago dirixe este percorrido pola orixe e a historia da arte escénica, do viño, os deuses e as bacantes libres que o acompañaban acompasado con humor e música en directo.

O xoves 9 de xullo diferentes compañías de danza e o colectivo Corpo a terra presentan o X Encontro de Danza D-outras, coordinada pola compañía Traspediante, no Teatro Principal, a partir das 21:00. Coreografías creadas por grupos de danza galegos con vocación docente.

O venres 10 de xullo o grupo Gorsy Edu de Guinea Ecuatorial presenta o espectáculo África en el corazón (El percusionista) no Teatro Principal a partir das 21.00 horas. Gorsy Edu dirixe e interpreta este espectáculo envolto en ritmos e melodías ancestrais. Ademais ao día seguinte, o programa inclúe unha conversa co creador a partir das 18:00 no Mur Marxinal.

O sábado 11 de xullo, o grupo Teatro el Mayal-Ule de Castela-León presenta Pobre Janucá de Fiesta y luz no Teatro Principal ás 20:00. Trátase dunha creación realizada a partir de narracións de orixe xudea que procura achegar a tradicional festa das luces que a comunidade hebrea celebra por todo o mundo a finais de outono. Ademais, o mesmo día, ás 21:30, os italianos de Carpa Diem ofrecerán o seu espectáculo Dolce salato na Praza da Biblioteca Nova.

O domingo 12 de xullo, o grupo Geppetto da Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense presentará o traballo Mati e os superpoderes no Teatro Principal ás 19:00. Baixo a dirección de Elena Seijo, a peza presenta a historia dunha rapaza cunha intelixencia desbordante e incomprendida ata que descubre os seus superpoderes.

O luns 13 de xullo, o grupo luso Teatr’urbi de Covilhã presentará no Teatro Principal o espectáculo Morder-te o coração a partir das 21:00.

Ao día seguinte, o martes 14 de xullo o grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense presentará a peza Imperator no Teatro Principal ás 21:00 horas. Fernando Dacosta asina a dramaturxia e a dirección deste traballo que nos lembra que “No canto de mirar hai que ver/ No canto de oír hai que escoitar” e que poderá volverse a ver o mércores 15 de xullo ás 21:30, despois da peza Quince minutos, de Mónica Sueiro.

Os espectáculos da praza da Biblioteca Pública de Ourense serán de balde e os do Teatro Principal terán un coste de 3 euros, excepto o espectáculo de Carlos Blanco que será de 8 euros.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

mit 2014 22 |

A MIT Ribadavia presentou o programa da súa 36ª edición

Anteproxecto rehabilitación Teatro Principal |

Tui presentou o anteproxecto de rehabilitación de César Portela para o Teatro Principal