A XLII edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño celebrarase do 9 ao 21 de agosto pero “dun modo diferente”. Segundo explica o Concello, este evento “non faltará á súa cita anual”, pero adaptarase ás circunstancias sanitarias “a través dun protocolo de hixiene e prevención” ante a COVID-19.
Tal e como destaca o Consistorio, unha das principais medidas adoptadas é a ampliación da súa duración, posto que se estenderá durante dúas semanas en lugar de unha, co obxectivo de reducir o número de funcións diarias e así “evitar aglomeracións e facilitar a desinfección” dos espazos.
Ademais, aínda que as funcións de teatro na rúa seguirán sendo gratuítas, desenvolveranse nun recinto delimitado para o que haberá que reservar entrada. En canto ao auditorio, o aforamento estará reducido á metade e restrinxirase o acceso ás persoas que presenten síntomas compatibles coa COVID-19.
O Concello advirte que será “obrigatorio” utilizar máscaras durante “todo o tempo” que se permaneza nas instalacións e asegura que haberá dispensadores de xel hidroalcohólico para o público. Así mesmo, unha empresa especializada certificará a limpeza dos espazos.
O concelleiro de Cultura de Cariño, Jonathan Miranda, destaca que “nas últimas semanas” esforzáronse “para crear un protocolo que permita que todo aquel que queira gozar do mellor teatro galego, nacional e internacional poida facelo dun modo seguro”.
Paralelo á Mostra de Teatro Galego, cuxa presentación oficial será o próximo 28 de xullo, o Concello programou dous talleres relacionados co evento: “Pensar en Movemento”, os días 30 e 31 de xullo; e “Obradoiro de Teatro con Ghazafelhos”, do 3 ao 6 de agosto.