in

Laiovento publica dúas obras de Raúl Dans

Raul Dans
Edicións Laiovento vén de publicar un volume que recolle dúas obras de Raul Dans: Unha corrente salvaxe e Historia dunha descoñecida.

 

RaulDansLaiovento |Nestas dúas obras protagonizadas por mulleres, Dans mergúllase nas zonas máis escuras da alma humana e afonda na nosa capacidade para facérmonos dano. Aquí, coma no resto do seu teatro, todos perden.

Antes de iniciar unha nova vida a carón dun home ao que non ama e co que aínda así vai casar, cómpre que Ana salde unha débeda co seu pasado. Este é o arranque de Unha corrente salvaxe, coa que o autor gañou o XXXVII Premi Born de Teatre 2012. Segundo os membros do xurado, “a obra desenvolve un misterio moi logrado, e recrea diversas atmosferas de intriga e suspense, grazas á complexidade dos personaxes e das situacións e á axilidade dos diálogos”. Unha corrente salvaxe, foi publicada por primeira vez no número 75 da erregueté | Revista Galega de Teatro.

En Historia dunha descoñecida, inquietante thriller psicolóxico, Adela apura os últimos días de setembro e da súa madurez na casa de veraneo que ten na praia mentres o seu home, escritor de éxito, lle pon fin á súa nova novela, sen saberen que está a piques de descubrirse o perturbador segredo sobre o que se sustenta o seu mundo.


Publicidade

 

Raúl Dans (A Coruña, 1964) é autor teatral, guionista e actor de dobraxe. Coa súa primeira obra, Matalobos, gañou o Premio Rafael Dieste de Teatro (1993). Un ano despois gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais con Lugar, estreada polo Centro Dramático Galego en 1999. Outras das súas obras son Derrota (XXII Premi Born de Teatre, 1997), Estrema (1998), A chamada (2001), Nachtmahr (2008), Chegamos despois a unha terra gris (Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2010 e Premio AELG de Teatro 2011), Unha corrente salvaxe (gañadora do Premi Born en 2012 e editada pola erregueté no seu número 75), As cancións que lles cantaban aos cativos (Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015 e editado no número 88 da erregueté) e o ensaio Confesións dun practicante. As aventuras dun dramaturgo en Galicia (2004).

Este ano, Dans gañou a segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais coa obra Só un hombre bo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FalarPorFalar |

Volta e Dálle presenta en Compostela ‘Falar por Falar’

cariño |

A Mostra de Teatro Galego de Cariño desenvolverase do 9 ao 21 de agosto