Pedirán unha reunión coa presidencia do futuro Goberno da Xunta de Galicia para propoñer unha batería de medidas que contribúan a mellorar a actual e discriminatoria situación laboral que viven as mulleres das artes escénicas e do audiovisual.
As profesionais das artes escénicas e audiovisuais de Galicia, reunidas esta fin de semana no marco das XX Xornadas Mulleres en Acción-MITCFC, pedirán unha reunión coa presidencia do futuro Goberno da Xunta de Galicia para propoñer unha batería de medidas que contribúan a mellorar a actual e discriminatoria situación laboral que viven as mulleres de ambos sectores, hoxe agravada pola pandemia, que xa actuou dramáticamente na situación sociolaboral das mulleres, provocando un retroceso global dos seus dereitos, o que multiplica a urxencia de tomar medidas que poñan freo a esta realidade.
As mulleres e entidades impulsoras do estudo sociolóxico elaborado con perspectiva de xénero polo Consello da Cultura Galega e presentado en novembro de 2019 pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia, reunidas nunha mesa de traballo convocada por Mulleres en Acción da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, unha vez analizados os preocupantes datos acadados no devandito estudo, agora empeorados pola pandemia, acordaron elaborar unha batería de medidas e accións positivas que axuden a resolver a situación discriminatoria que están a vivir as profesionais das artes escénicas e do audiovisual de Galicia.
Estas medidas, apoiadas por mulleres profesionais e polas asociacións impulsoras do estudo que visibilizou esta situación, vanse entregar ao novo Goberno da Xunta de Galicia para que, desde o primeiro día de lexislatura, traballe na construción dunha igualdade laboral, real, entre as mulleres e os homes do sector cultural.
Neste encontro participaron as mulleres e entidades impulsoras do estudo, Saamira Ganay, actriz e membra da directiva da Academia Galega do Audiovisual; Tamara Canosa, directora, actriz e ex vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual; Laura Míguez e Eva Fórneas, actrices e membras da Comisión de Igualdade da Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Belén Pichél, produtora, ex presidenta e membra de Escena Galega; Berta Ojea, experta en xénero e cultura, Secretaria de Igualdade do sindicato estatal, Unión de Actrices e Actores, en calidade de asesora; e María Armesto, dramaturga e directora artística da MITCFC/Mulleres en Acción.