in ,

‘The primitals’, Premio do Público na 37ª Mostra de Cangas

the primitals venres 17 mostra 2020 18 |
O espectáculo The primitals, da compañía madrileña Yllana & Primital Brothers, gañou o Premio do Público da XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Este ano, de maneira excepcional e por razóns de seguridade pola pandemia da Covid-19, a votación non se fixo directamente en urna despois de cada obra, senón que se elixiu un comité integrado por representantes do Concello de Cangas, de asociación cultural Xiria, do equipo organizador da Mostra e do público. |Foto: Pro Light Estudio|

 

Yllana é unha das compañías españolas con maior traxectoria no ámbito do teatro de humor xestual. Actualmente abarca dende a creación e produción dos seus propios espectáculos até a distribución, a dirección artística ou a xestión de espazos teatrais.

O espectáculo The primitals espertou unha grande ovación do público na súa presentación o venres 17 de xullo en Cangas, na que era a estrea da obra en Galicia. The primitals é unha comedia musical a capela que conta a historia de catro aborixes dun planeta que podería ser o noso. Deste xeito, os catro artistas bríndanlle ao público a música dos mil xéneros que absorberon nas súas viaxes polos confíns do espazo tempo nunha especie de chamanismo a catro voces.


Publicidade

Con dirección de Joe O’Curneen (Yllana) e dirección musical de Santi Ibarretxe, esta hilarante proposta estivo protagonizada por Íñigo García Sánchez, Pedro Herrero, Adri Soto e Manu Pilas. Durante o espectáculo versionan a capela 25 cancións coñecidas polo público que van do tema principal de ‘Misión Imposible‘ a bandas sonoras de películas como ‘Indiana Jones‘, ‘Star Wars‘ e ‘E.T.‘, pasando pola cabeceira de ‘Xogo de Tronos‘ ou ‘Carmina Burana‘.

The primitals recibiu o ‘Premio do público ao Mellor Espectáculo Musical’ do Festival Off de Avignon (Francia) no ano 2019.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatro9346 |

Agadic adapta prazos e requisitos nas subvencións de festivais audiovisuais e artes escénicas

MadhubaiAtlantico |

O Teatro Principal de Ourense anuncia o programa para este semestre