“Aquí, vívese!”, exclamou unha voz do público durante un dos coloquios da XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Esta espectadora anónima remataba así o seu sincero agradecemento á organización da MITCFC por facer posible o regreso ao teatro en Cangas despois de case catro meses tras declaración do Estado de Alarma. Facíase visible deste modo a razón para afrontar con valor todas as incertezas do escenario que deixou a crise da covid-19 e tamén quedaba patente a sólida base sobre a que se asenta a Mostra canguesa: un tecido sociocultural activo e comprometido. | Vanesa Sotelo | | Foto: Pro Light Estudio |
A organización cualificou esta 37ª edición como unha Mostra difícil, sen heroísmos pero con responsabilidade. E así o demostrou ao longo dos 10 días de teatro atravesados polas eleccións autonómicas e os protocolos sanitarios que puxeron de relevo un elemento de vital importancia: o coidado. Capacidades máximas reducidas ao 50%, espectáculos de rúa con control de público, respecto absoluto ás medidas de seguridade e entradas esgotadas foron algúns dos indicadores de que o teatro non é un ben ao que Cangas estea disposta a renunciar e tamén de que supón un espazo para o encontro seguro da cidadanía. Para este 2020 a MITCFC mantivo as súas liñas de traballo habituais dentro dun programa cun amplo abano de humores: a selección ecléctica de espectáculos no que a aposta pola creación local se combina coa internacional, espazos para a formación, tempo para a reflexión do sector e a mestura con outras artes que nesta ocasión correu da man da pintora e ilustradora Luz Beloso.
Paula Carballeira foi a encargada de inaugurar a Mostra co pregón Por moito que chova e vente na que supuxo, ademais dunha emocionante declaración e de gratitude polas xentes da Mostra, a súa volta ao contacto co público en vivo. Como non podía ser doutro xeito, tradición e oralidade mesturáronse na intervención de Carballeira que recorreu a Shakespeare para fiar a presenza permanente do teatro na nosa existencia e para louvar o oficio dos cómicos lembrando, entre outros, a defensa que deles realiza o autor inglés no Hamlet: “Amigo meu, coidaredes de que os cómicos estean ben atendidos… Facede que os traten con esmero, porque eles son o compendio e breve crónica dos tempos”.
A continuación, tomou a palabra Quico Cadaval, Premio Xiria á Labor Cultural 2020 quen agradeceu o galardón procedente do matriarcado teatral cangués. Por último, Cándido Pazó tomou o relevo na escena coa dirección de Commedia, da compañía Contraproducións materializando o desembarco dos cómicos na realidade, tan necesarios para ofrecer algún antídoto co que fortalecer o espírito. Deste xeito, tres grandes nomes da narración oral e da creación escénica galega xuntábanse nesta primeira xornada que se desenvolveu ao aire libre nas Naves de Ojea, co sorriso do público enfundado na máscara e mantendo as distancia de seguridade determinada polas autoridades: metro e medio.
Precisamente, o público e a súa receptividade foi un dos temas destacados na mesa “A nova realidade. Tempo de transformación?” Nela, o propio Cándido Pazó compartía a anécdota da compañía uruguaia El Galpón coa que explicaba como no momento no que este recoñecido grupo cambiou o seu espazo de representación – no que o público estaba en contacto- para un teatro onde as butacas ofrecían unha maior separación entre as espectadoras, e teoricamente, maior comodidade, os espectáculos pasaron a ter unha acollida máis fría por parte da audiencia malia a manter a súa calidade. O motivo parecía non ser outro que a falta do contaxio enerxético que se produce entre os espectadores no patio de butacas e que, inevitablemente, saltaba e inundaba a escena e que tanto lembran á certa situación actual. Experiencias persoais, miradas creativas a raíz da pandemia, a necesidade de cambiar modelos de produción e de repensar os tempos foron algúns dos elementos que se puxeron sobre a mesa e que se sumaban ás conclusión da outra mesa proposta baixo o título “A nova realidade: presente e futuro dunha profesión en permanente crise”. Nesta, puido constatarse que “a nova normalidade se parece sospeitosamente á vella” nun debate no que volveu a aflorar a “falta de política cultural da Xunta nunha crise permanente agudizada pola crise provocada pola Covid-19”. Así, as participantes coincidiron na necesidade de “substituír a Agadic por outro organismo que vele máis polo artístico que polo burocrático; da urxencia de elaborar un diagnóstico sobre o estado das artes escénicas na Galicia actual que sirva para elaborar estratexias que estean ao servizo desa realidade; e da riqueza dun tecido artístico que non se ve reflectido nun mercado carente de estímulos”.
Por outra parte, entre as citas xa esperadas que deixan patente a colaboración constante da Mostra con múltiples entidades, o martes 14 de xullo tivo lugar a cuarta edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia organizado xunto con DramaturGA. Coa idea “virus” como tema central e con Fernando Castro Paredes, Marta Pérez, Roberto Salgueiro e María Lado como aspirantes, o voto do público deu como vencedor o texto Jessi & Johny, de Roberto Salgueiro. Un ano máis, esta convocatoria que guían Esther Carrodeguas e Santiago Cortegoso permitiu exhibir a singularidade das voces da dramaturxia galega e tivo como principal novidade a presentación por parte de Edicións Positivas da publicación dos textos que pasaron polos torneos anteriores.
Quince espectáculos conxugáronse no programa que se desenvolveu entre o 9 e o 18 de xullo, variando levemente as súas datas habituais. Nunha selección de crise na que se apostou por un afinado equilibrio entre a nova creación e compañías de longa traxectoria, entre propostas experimentais e fórmulas comerciais de coidada factura, a Mostra volveu acoller o traballo da compañía portuguesa Chapitô –vencedora do premio do público na edición anterior- coa estrea de Napoleão ou o complexo de épico mentres que o espectáculo The Primitals, de Yllana foi a gañadora do Premio Público neste 2020.
Identidade e historia déronse da man de dúas propostas tan diferentes como a de Guerra de identidade, da compañía DeUve e Pyka, de Cinema Sticado. Na primeira, a actriz Déborah Vukusic baixo a dirección de Avelino González, entra na súa historia familiar para achegar as venas abertas dos Balcáns e presentar sen artificios a figura do seu pai, recoñecido xogador de balonmán e criminal de guerra. Nunha proposta esencial e de mínimos elementos, Vukusic propón un espido actoral valente no que as principais armas son a súa entrega e a palabra. Pola súa parte, con Pyka, Cinema Sticado cruza realidade e ficción para embarcarnos nunha tripla historia de amor e represión que acaba por conectar a historia da actriz Helena Varela coa figura do director soviético Sergei Einsestein e despregar un suxestivo diálogo entre a súa montaxe artesanal de cinema ao vivo da compañía coa música orixinal do trío Caspervek.
O debate sempre aberto sobre a dignidade da vida e a dignidade da morte cobrou forza na Mostra con Liberto, de Rebordelos e Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico. Asentados ambos os dous espectáculos sobre dramaturxia catalá, as propostas permiten apreciar dúas formas de contar e tamén de abordar o traballo actoral. Liberto, con texto de Gemma Brió e un dos espectáculos favoritos aos Premios María Casares 2020 no debut como directora de Tamara Canosa, presenta o conflito dunha nai á hora de decidir sobre a vida ou a morte do seu fillo recén nacido por mor das consecuencias dos danos cerebrais sufridos durante o parto. A segunda, con texto de Josep María Benet i Jornet e levada a escena por unha das compañías veteranas da nosa escena e que este ano celebra o seu 35 aniversario, presenta a decisión vital de dúas mulleres adultas nun contexto social de invisibilidade e abandono. Con este fío condutor, nunha delicada forma de enfiar humor e traxedia, a situación actual acaba por graduar a mirada nas debilidades que percorren o noso contexto inmediato e acaba por enfocar a atención, sen forzala, na atención sanitaria e na atención ás persoas maiores.
Atención á terceira idade é a que ofrece Teatro do Noroeste con As virxes salvaxes, peza encargada de clausurar a XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas despois da segunda función de As boas actrices, de Clara Gayo con Arantza Villar e Mónica Camaño. Así, Eduardo Alonso asina o texto e a dirección dun elenco veterano como principal valor. Malia ao pouco afinado das escollas que fan abanear o xénero da proposta, o equipo artístico solvente e consolidado contribuíu para homenaxear tamén á historia viva e activa do noso teatro. E así o recibiu o público cangués.
Vinte anos de Mulleres en Acción
As Xornadas Mulleres en Acción son unha das marcas de identidade da Mostra e este ano celebrou vinte anos de traballo intenso e constante. Ao longo de dúas décadas, destacadas creadoras e investigadoras abriron liñas de reflexión e debate neste espazo imprescindible. Así, despois da publicación do informe da situación das traballadoras do sector audiovisual e das artes escénicas elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, froito do encontro entre os diferentes colectivos profesionais no marco das xornadas, este a cita canguesa acolleu a mesa de traballo “Fenda laboral das profesionais das artes escénicas e audiovisuais: antes e despois da pandemia” que concluíu coa procura de estudar melloras para as traballadoras do sector.
Por outra banda, xunto coa presentación dos libros As irmandiñas, de Aurora Marco e Cómplices. A violencia machista, coordinado por Iria Vázquez Silva, esta vixésima entrega de Mulleres En Acción rematou co recoñecemento á traxectoria de Mercedes Oliveira Malvar, catedrática de filosofía e referente fundamental no eido da educación sexual con perspectiva de xénero. Muller de acción declarada, no seu discurso Oliveira puxo de novo sobre as táboas canguesas o valor do coidado e reivindicou o emprego das denominadas “gafas violetas” que, ademais de permitir detectar as prácticas machistas que atravesan a nosa educación e cultura, permiten deseñar novas oportunidades para crear novos modelos.
Espazo feminista, de coidado, de vida, de igualdade, de creación, a XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo pechou o pano en Cangas pero o movemento das persoas que a sustentan non se detén e continúa sempre, contra vento e marea. Porque tal e como sinalou Paula Carballeira no seu discurso inaugural saben que “os cómicos, as cómicas, poñen diante dos nosos ollos o que somos para que poidamos rir de nós mesmas, que é o que nos trae a saúde de volta e permite que tomemos nota dos nosos erros e dos nosos afectos”. É por iso que no teatro caen as máscaras e estouran a vida e a verdade. Iso que tanto precisamos.