Como consecuencia da acción continuada da Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, nace unha plataforma que reúne profesionais das artes do movemento co obxectivo de defender e desenvolver as condicións, políticas e contextos para a creación, a investigación e a difusión das artes do movemento en Galicia.
Vén de crearse PAM (Plataforma das Artes do Movemento), un colectivo de “persoas da danza, as artes do corpo e do movemento reunidas en base a sentires/afectos e obxectivos compartidos para a articulación, posta en valor e defensa da autonomía do traballo artístico e profesional do noso eido, operando tanto no propio territorio coma en relación con outros a nivel nacional e internacional”.
A PAM xorde como consecuencia lóxica/natural da Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, unha causa activada en xuño de 2019 e que reuniu centos de apoios e asinantes en defensa do CCG. O núcleo activador e coordinador desta causa, que se autodenominou o “Coro” aglutinou a un conxunto de profesionais que, a partir desta experiencia, deciden evolucionar cara a PAM co obxectivo de atender e coidar un ámbito de acción que, incorporando no seu seo a causa da PACCG, vai máis alá da mesma: a defensa e desenvolvemento de condicións, políticas e contextos para a creación, a investigación e a difusión das artes do movemento en Galicia, en aras do debido cumprimento dos dereitos fundamentais de creación e participación do sector na realidade cultural galega e nas decisións das políticas culturais apuntando a consecución dunha lei de dereitos culturais.
A PAM pretende estimular unha “acción plural, propositiva e crítica que acompaña as prácticas instituíntes relativas ó sector das artes vivas galegas e á creación do seu contexto e horizonte político-cultural”.
Son, segundo a súa presentación, “voces autorizadas polo traballo realizado, no histórico das nosas prácticas e das nosas formas contemporáneas, polas compañeiras do sector, a sociedade e ás súas institucións. Profesionais, proxectos, entidades, asociacións e empresas situadas nuns modos de facer implicados, diversos e rexenerativos que se constrúen colectivamente en Cultura aquí en Galicia”.