Este venres celébrase en Redondela o tradicional Festival de Artistas de Rúa, que cumpre este ano a súa vixésimoprimeira edición.
Mañá, venres 7 de agosto, terá lugar nas rúas e prazas da vila de Redondela o tradicional Festival de Artistas de Rúa, que cumpre este ano a súa vixésimoprimeira edición. Ante a situación excepcional provocada pola Covid-19, a Concellería de Cultura e o Concello de Redondela decidiron manter este xa tradicional evento por estas datas tomando as medidas oportunas: as espectadoras e espectadores non poderán estar sentadas/os no chan como en pasadas edicións e manterán unha distancia mínima de 4 metros co escenario, tal e coma se está a facer no resto da programación cultural deste verán. Todos os espéctaculos disporán de cadeiras para o público así como de dispensadores de xel hidroalcólico. Os espectadores e as espectadoras deberán ter a súa máscara de protección posta en todo momento.
Nesta edición haberá un pasarrúas de animación, O Estraño caso do dentista da rúa Brasov, da compañía Troula que arrancará ás 20:00 na rúa Alfonso XII e percorrerá a rúa da Ribeira e o paseo da Xunqueira.
Ás 20:30, na Alameda de Castelao, a compañía Kanbahiota presentará La Coquette, un espectáculo de aéreos con Rossina Castelli e Abraham Pavón baixo a dirección de Iván Prado.
Ás 21:00, na Praza da Constitución, Teatro ó Cubo representará Ghop!, un berro cheo de enerxía e ímpeto para un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que, no pasado, percorrían as prazas dos pobos e aldeas.
Ás 21:30, na Praza da Torre, Tanxarina presenta As bombas e o xeneral, un espectáculo onde se recrea con siluetas animadas, música e actores a historia dun Xeneral que quere organizar unha guerra e para iso conta cun arsenal de bombas atómicas. Un espectáculo de total actualidade para concienciar aos máis pequenos dos danos que provocan as guerras e as súas consecuencias. Un final amable para unha situación de conflito onde se presentan os efectos devastadores dun combate miitar.
Ás 22:00, na Alameda de Castelao, Asacocirco rematará as actuacións en directo con Circo de Lume, emocionantes números, que mesturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofaxia, humor e trato directo co público.
Finalmente, ás 22:45, proxectarase na pista da Xunqueira a adaptación audiovisual do espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán Somos criminais.