Do 28 ao 30 de agosto, Lalín celebra outro ano máis o Titirideza, Festival Galego da Marioneta, con cinco espectáculos de compañías de monicreques e de manipulación de obxectos.
As actuacións terán lugar os días 28, 29 e 30. Durante a presentación, Emi Carral, a representante de Urdime, a empresa encargada da organización, explicou que se tomarán todas as medidas de seguridade necesarias: o aforamento estará limitado a 150 persoas na Praza dá Igrexa, onde se colocará unha carpa, que en caso de bo tempo abrirase para aumentar a capacidade de asistentes.
Esta edición do Titirideza céntrase, debido á crise sanitaria, en artistas locais e galegos. O venres haberá unha sesión ás 17:30 con Pablo Sánchez e a súa sesión de contacontos O Paroleiro, cuxo obxectivo é dar a coñecer os contos de transmisión oral así como os contos máis contemporáneoscoa axuda de sombras, monicreques, poemas numéricos, contos de nunca rematar, retahílas, brinquedos, cancións e narración oral. Pola tarde, ás 20:00, Fantoches Baj presentará Novos Lobos,un espectáculo de narración oral e monicreques no que se toca o tema do xénero desde a perspectiva das novas masculinidades. Deconstrúense nel algúns contos da literatura popular para adaptalos a esta nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais ao alumnado que axuden a prever a violencia de xénero.
O sábado, ás 12:00 Pérez&Fernández ofrecerán o espectáculo A tortoise, un can, two monsters e un picnic, unha función bilingüe, en galego e inglés. Pola tarde será a quenda de Mircromina Monicreques con Gyrovâgus, na que o camiño de Santiago se enche de aventuras.
Para rematar, o domingo, Xarope Tulú presentará Estrafalaria na sesión de día, unha reflexión sobre o papel histórico das mulleres. Pola tarde, ás 19:00, Luchi Iglesias e Carlos Quintá, de Paporrubio, estrearán Varietés do Animalario, un espectáculo baseado nas fábulas tradicionais.