in

A Agadic fai públicas as axudas a festivais escénicos

MostraCangas19 |
Os beneficiarios das axudas son o FIOT de Carballo, Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Galicreques de Santiago, FITO de Ourense, Festival das Núbebes de Pontevedra, Mostra de Teatro Galego de Cariño, Corpo(A)Terra de Ourense, Festival de Títeres de Redondela, Fetega do Carballiño e Festaclown de Vilagarcía.

 

Dez das principais mostras de teatro e danza de Galicia son as beneficiarias en 2020 das subvencións da Xunta a festivais profesionais de artes escénicas, de acordo coa adxudicación publicada onte pola Consellería de Cultura e Turismo na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Entre elas, distribúense os 190.000 euros cos que se dotou a convocatoria deste ano, na que se introduciron unha serie de modificacións como parte das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.

A través da adaptación e flexibilización destas bases, búscase facilitar as condicións de celebración destes certames no actual contexto provocado pola pandemia, que na meirande parte dos casos obrigou á reformulación das programacións e dos formatos inicialmente previstos. Nestes momentos, estanse a desenvolver dúas das citas subvencionadas: a 42ª Mostra de Teatro Galego de Cariño, adxudicataria de 14.162 euros, e o Festaclown de Vilagarcía de Arousa, de 8.580 euros; mentres que a 37ª Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que tivo lugar o pasado mes de xullo, recibe preto de 36.996 euros.

Publicidade

A semana que vén dará comezo en Ourense o 10º festival Corpo(A)Terra de danza, ao que se lle conceden 11.440 euros, mentres que o resto das mostras adxudicatarias teñen prevista a súa celebración nos vindeiros meses: 29º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, con 40.704 euros; 25º Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela, con 24.987 euros; Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), con 18.953 euros; Festival das Núbebes de Pontevedra, con 14.826 euros; 21º Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo, con 10.360 euros, e 31º Festival de Teatro Galego ‘Celso Parada’ do Carballiño con 8.986 euros.

Contribúese así ao mantemento destas citas, tendo en conta ademais o seu carácter estratéxico para o sector das artes escénicas na nosa Comunidade. Neste sentido, a convocatoria de axudas a festivais de 2020 impulsou a presenza de formacións galegas nos carteis, que este ano debe supoñer un mínimo do 60% da contratación profesional artística do encontro ou do total das actuacións profesionais que ofreza, porcentaxe que o ano pasado se situaba no 20% e no 30%, respectivamente. Estableceuse, así mesmo, un aumento porcentual do orzamento que poden subvencionar os encontros a través destas subvencións, que se eleva ata o 70% (85% no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais ou de entidades resultantes de fusión) fronte ao 50% de 2019.

A flexibilización das bases estendeuse tamén ao mínimo de representacións con entrada de pago, que pasa do 50% de 2019 ao 30% da presente convocatoria, porcentaxe que non é tida en conta para os festivais de rúa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Babae |

A plataforma Aerowaves abre unha convocatoria para coreografía emerxente

Novos Lobos |

O Titirideza volve a Lalín do 28 ao 30 de agosto