O Teatro do Noroeste – CDV acolle o III Festival Transfronteirizo de Teatro Amador PLATTA, entre os días 25 e 27 de setembro de 2020, na Sala Principal do Teatro Municipal Sá de Miranda, en Viana do Castelo. Ao longo desa fin de semana, o teatro amador de Galicia e Portugal ten o seu epicentro en Viana do Castelo nunha experiencia para todos os públicos.
O Teatro de Balugas será a compañía encargada de inaugurar a terceira edición do Festival co espectáculo A Furgoneta, co proxecto gañador da I Bolsa TEIA de Criação de Teatro Amador 2020. O venres 25 de setembro ás 21.30 horas a representación terá lugar ás 21.30 horas.
Con texto e creación artística de Cândido Sobreiro, a proposta presenta a historia de Romão e o irmán que deciden reformar o negocio do pai: a furgoneta na que se vendía de todo pasa a startup e os productos xa non se fan como antes. Confrontados por un modo de vida que chega á súa fin, os dous irmáns vense divididos entre o progreso tecnolóxico e os que aínda resisten nas aldeas á espera da buguina estridente e algo de conversa. Na viaxe da furgoneta, o público tamén se enfronta á cuestión do abandono do mundo rural.
Con interpretación de André Sobreiro, Cândido Sobreiro, Cristiano Esteves, Diana Gonçalves e Laurentina Silva, completan a equipa Matilde Esteves, Sérgio Gonçalves e Tiago Martins (sonoplastia e iluminación e Aurélio Magalhães, Cristiana Faria e Nuno Sobreiro (escenografía).
O espectáculo Coa mirada nas súas mans será o que presentará Lohengrin Teatro o sábado 26 de setembro ás 21.30 horas na Sala Principal do TMSM. Despois de 30 anos creando historias, a compañía viguesa presenta un espectáculo sensitivo e social a partir do Teatro Cego.
No momento no que a sociedade da imaxe está máis desenvolvida, Lohengrin presenta unha proposta adaptada a todos os públicos na que se privilexian os sentidos do olfacto, oído, o tacto e o gusto. Con ela, comparten a historia de dúas mulleres namoradas e os seus medos e as súas dúbidas no inicio da súa relación, mentres unha delas recibe mensaxes dun antigo mozo.
Pablo Iriarte é o encargado da posta en escena deste Coa mirada nas súas mans, con interpretación de Noa Iriarte, Lara Álvarez, Sofía Rodal e Alex Mafé.
O domingo 27 de setembro ás 16.00 horas serán presentadas as dúas lecturas dramatizadas da obra Reencontro, de Rosa E. Gantes, gañadora do II Prémio Platta de Teatro Breve. Dentro dunha dinámica que provoca un efectivo intercambio cultural e idiomático, a lectura en galego será realizada por intérpretes de Portugal baixo a dirección do galego Doro Piñeiro, mentres que a lectura en portugués será feita por intérpretes de Galicia baixo a dirección do portugués José Escaleira.