in

O CDG coproduce tres montaxes con tres espazos creativos de Vigo

Sala Ártika de Vigo
O Centro Dramático Galego (CDG) participa na produción dos tres vindeiros espectáculos doutros tantos espazos creativos e compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo: Nononon.lab coa montaxe de Clásicas desfeitas, Teatro Ensalle con Outras miradas e Sala Ártika con Cambio de foco.

 

Nononon é un novo espazo de creación e investigación escénica que está a preparar Clásicas desfeitas co traballo de Coti Faro, Xacobo Castro, Laura Iturralde, Lucía Estévez e Montse Piñeiro. A proposta, que se desenvolve a partir dos textos de Prometeo, Fausto e Frankenstein, ten como premisa a experimentación, polo que non se pretende acadar respostas sinxelas sobre as emocións ou o lugar do ser humano no mundo, senón activar a busca por medio da reflexión e do diálogo.

Outras miradas é a última montaxe de Teatro Ensalle, un proxecto docu-escénico que consta de tres fases: recompilación de material escrito, plástico ou audiovisual; edición e deseño da exposición dese material e traballo escénico para interactuar coa devandita mostra. Partindo da obra A nosa especie, escrita polo profesor de antropoloxía Marvin Harris, Teatro Ensalle formulou preguntas (sobre política, ecoloxía, economía, educación, existencialismo…) a artistas e cidadáns, entre eles creadores da talle de Carmen Werner, Sergi Fäustino ou Antonio Fernández Lera. As respostas acadadas en diferentes formatos son a fonte da que se nutre o espectáculo asinado e interpretado por Pedro Fresneda, Raquel Hernández e Artur Rei. A estrea será os vindeiros 25, 26 e 27 de setembro no escenario da rúa Chile.


Publicidade

Pola súa banda, Sala Ártika achega Cambio de foco, un traballo de investigación a cargo de tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con tres xeitos distintos de ver o teatro. O obxectivo deste laboratorio é tender unha ponte entre a creación e o público, o que permitirá coñecer como percibe cada espectador as diversas pezas que o compoñen. O único común das tres son a liberdade creativa e o emprego do conto Sapatos de tacão alto, de Mia Couto. Ocúpanse da dirección e dramaturxia Marcos Alonso, Alfredo Rodríguez e Rafael Rey; na dirección musical está Anxo Fernández e, no elenco, Rocío Salgado, Martín Maez, Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey e Mathias Rodríguez. A estrea será o 6 de decembro na propia Sala Ártika.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fariña |

‘Fariña’ represéntase desde esta semana nas Naves del Español de Madrid

Cartaz Festival PLATTA |

Viana do Castelo acolle o III Festival Transfronteirizo de Teatro Amador