A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, e o concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Jesús Celemín, presentaron o Festival de Artes Escénicas “CoruFest” xunto cos directores deste, José Leis e Gustavo del Río, que se realizará desde o 7 até o 11 de outubro en diferentes espazos da cidade: Teatro Colón, Teatro Rosalía de Castro, Centro Ágora, Fórum Metropolitano, Casa Casares Quiroga e Bibliotecas Municipais da Coruña.
Neira sinalou que o CoruFest “é referencia nacional na cultura LGTBIQ+ e que “non só fai visibles os dereitos e a igualdade, senón que o fai a través da cultura”. A edila asegurou que esta iniciativa “sitúa á Coruña como unha cidade aberta á cultura LGTBIQ+ grazas ao traballo da organización deste festival”. Pola súa banda, desde a organización do Corufest destacaron “o apoio incondicional do Concello da Coruña na súa terceira edición”.
O festival naceu na Coruña en novembro de 2018 como una iniciativa que aposta pola programación de accións para dar visibilidade á liberdade afectivo-sexual e presentarse como un lugar de reflexión, diálogo cultural e inclusión social.
Os directores do festival, Xosé Leis e Gustavo del Río, decidiron incorporar, na programación deste ano, proxeccións, exposicións, encontros con autoras/es e obradoiros; entre as xa habituais citas de música, teatro e danza; apostando e sumando ao festival propostas de artes plásticas, escritas e cinema. Todas elas con contidos LGTBIQ+.
A realización desta terceira edición, prevista para maio deste ano, viuse obrigada a aprazar as súas funcións ante a crise sanitaria provocada pola pandemia. Co apoio do Concello da Coruña nun ano tan complicado e a disposición de todas as e os artistas contactados para a programación, finalmente realizarase nos vindeiros días, con capacidades reducidas e seguindo estritamente todas as medidas sanitarias.
A programación comezará o mércores 7 de outubro co encontro exclusivo e pechado ao público do Clube de Lectura Queer co escritor Roy Galán, que estará presente tamén ao día seguinte, o día 8, esta vez si aberto ao público, na Biblioteca Municipal Ágora, ás 19.00.
Rodrigo Cuevas repite no festival: actuará no Teatro Colón o 8 de outubro ás 20.30 h co seu espectáculo Trópico de Covadonga, co que aborda o concepto do tempo e os ciclos do ano en formato cancioneiro popular contemporáneo.
O venres 9 no vestíbulo do Teatro Colón comezará a terceira edición do Ciclo Alas, en que se presentará o libro El fin del armario de Bruno Bimbi e o documental Fighting Barriers de Tomás Fábregas. Á noite será a quenda de Dados‘ no Teatro Colón, da compañía Ventrículo Veloz.
A programación do sábado será no Centro Ágora, ás 17.30 co obradoiro de danza “voguing” impartido por Galaxia La Perla e a continuación ás 19.00 falará do seu traballo. Ás 20.30, no Auditorio do Ágora representarase Microspectivas dun marica millenial‘ un espectáculo de teatro-danza interpretado por Davide González e dirixido por Vanesa Sotelo.
O domingo, Victoria Pérez, acompañada de Manu Fernández, estará no Fórum Metropolitano co seu espectáculo Rosa e azul unha sesión de contos que celebra a diversidade LGTBIQ e que racha cos estereotipos de xénero e binarismo impostos desde que nacemos. E, para rematar, o espectáculo Várvara, de Bárbara Sánchez, no Teatro Rosalía de Castro, ás 20.30. Un achegamento feminista ao arquetipo cristián de María Magdalena.
E ademais, desde o 7 até o 11, na Casares Quiroga estará exposta a obra do artista multidisciplinar Cachorro Lozano, o creador das tres láminas dos carteis do Corufest 2020.