A compañía de Xúlio Lago e María Barcala porá en escena entre o xoves 1 e o sábado 3 de outubro Helena: xuízo a unha lurpia; A conquista da escola de Madhubai e Dúas donas que bailan e o recital De abrentes e ocasos.
Teatro do Atlántico celebra esta semana na sede do Centro Dramático Galego os seus 35 anos sobre os escenarios coa reposición de catro das súas últimas montaxes máis recentes. Así, a compañía que dirixe Xúlio Lago porá en escena o xoves 1 de outubro Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco; o venres día 2, A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, e o sábado 3, Dúas donas que bailan, de Josep María Bernet i Jornet. O domingo día 3 resérvase para o espectáculo-recital de poesía galega contemporánea de varios autores De abrentes e ocasos.
Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas de máis prolixa e coherente traxectoria, constituída no ano 1985 por María Barcala e Xúlio Lago. As súas producións, realizadas sempre en lingua galega, teñen recibido multitude de galardóns e realizado xiras por case todo o territorio español, con participación en numerosos festivais nacionais e internacionais de Teatro: FIT de Cádiz, FITEI de Porto, Latinoamericano de Córdoba (Arxentina), Internacional de Caracas, MIT de Ribadavia, Festeixo de Viana do Castelo, Mostra de Cangas, Mostra de Cee, Muestra de Teatro de las Autonomías Villa de Madrid, FIOT de Carballo, etc. En 2016, Teatro do Atlántico recibiu o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Artes Escénicas.
Variedade de espectáculos e temas
A posta en escena de Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco, será a que abra o 35º aniversario de Teatro do Atlántico no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A obra aborda o drama da personaxe da mitoloxía grega Helena de Troia, a filla de Zeus e Leda, esposa de Menelao e amante de Paris, interpretada por María Barcala. Helena diríxese reiteradamente ao público, cidadanía do século XXI, preguntando quen escribe a historia e rexeitando a maneira na que foi contada a súa vida. Antes de xulgala, quere que escoitemos a súa versión dos feitos.
A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, baséase na historia de Phoolan Devi, unha destacada referencia para o feminismo autóctono indio. A representación, que se desenvolverá o venres 2 de outubro con interpretación a cargo de María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi, conta a historia de Sakundeva, unha bandida perseguida pola policía e o exército, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada.
Coa peza teatral de Josep María Bernet i Jornet, Dúas donas que bailan, programada para o sábado día 3, María Barcala e María Ángeles Iglesias levarán ao Salón Teatro o inquietante e ás veces cómico encontro entre dúas mulleres. Unha delas maior, viúva, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de historietas da infancia, que se resiste a abandonar o esfarelado piso no que habita. A outra, de mediana idade, unha profesora de Lingua e Literatura obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo de facerlle os labores domésticos. Trátase dunha traxicomedia que mestura duras realidades da sociedade contemporánea como a soidade na vellez, as diferencias xeracionais, a especulación inmobiliaria, a enfermidade, a violencia no fogar, a amizade ou os soños da infancia.
Os actos do 35º aniversario de Teatro do Atlántico rematarán o domingo 4 de outubro coa reposición do espectáculo poético musical De abrentes e ocasos. María Barcala, Aleixandre Lago e Xúlio Lago interpretarán poemas de varios autores galegos contemporáneos acompañados da música de Nani García. O amor, a relación coa terra e a paisaxe, co campo e coa cidade; a loita social, a violencia de xénero, a dura travesía dos expatriados; a guerra ou o espazo dos soños son algunhas das cuestións que expresan as palabras de vinte e dous poetas. A sesión rematará cun pequeno conmemorativo.