Neste tempo de (post)pandemia, quixemos sumar algunhas voces chegadas de diferentes puntos do planeta. Con motivo dunha nova edición do Festival de Teatro Santander en Escena que do 27 de setembro ao 4 de outubro se celebra na cidade colombiana de Bucaramanga, recibimos o seu berro de agradecemento á vida e pola vida do teatro. | Texto Jaime Lizarazo |
No meu país hai moito tempo vivimos no medio do horror, xeracións enteiras atravesamos o túnel da guerra permanente, caldo de cultivo perfecto para os milleiros de violencias compartidas día tras día; as contundentes e frías cifras dan conta diso. Malia ao horror, o antigo rito do teatro renace cada día na vasta xeografía do noso territorio ancestral: mulleres e homes facemos deste milenario oficio a nosa melodía, o noso soño. Este ano da rata, segundo o calendario chinés, trouxo ás nosas portas a presenza da morte, a señora parca fai un sinal que me fai lembrar a invocación que aparece no sagrado libro tibetano dos mortos e que di así:
“Que os divinos posuidores do coñecemento pensen en min, e con grande amor me guíen no camiño. Agora que pola miña profunda ignorancia vago errante no samsara, que os posuidores do coñecemento e os guerreiros me guíen no sendeiro luminoso da sabedoría innata, e que a súa sublime consorte, a raíña do espazo, me dea o seu apoio. Axudádeme a cruzar o perigoso camiño do bardo e levádeme ao Reino Puro do Espazo”.
E así, entre soños e cantos seguimos adiante cos nosos bártulos esta lexión incansable, esta tribo invencible de poetas, comediantes da legua, tráxicos empedernidos, saltimbanquis do riso e do amor, dos antigos rapsodas e dos milenarios ritos das máscaras perpetuas. Atravesaremos sen dar tregua a batalla contra o supremo algoritmo e ao outro lado do espello labiríntico e cibernético reiniciaremos a festa; a comuñón do abrazo compartido. Resoarán de novo os aplausos, inclinaremos a cerviz fronte ao noso amado público nunha venia de infinito agradecemento pola súa compañía inigualable e en sublime coro alzaremos a voz como un berro de espanto e esperanza: Grazas á vida. O TEATRO ESTÁ VIVO.
Jaime Alfonso Lizarazo Bautista é o director do XVI Festival de Teatro Santander en Escena de Bucaramanga (Colombia) organizado por Jaulabierta Taller de Teatro.